Lugo dá un paso decisivo para mobilizar 13,6 millóns de euros na rehabilitación da Milagrosa e Feijoo

A Xunta de Goberno Local aprobou esta mañá a solicitude de declaración da Área de Rehabilitación Integral (ARI) para os barrios da Milagrosa e Feijoo, un paso decisivo para mobilizar ata 13,58 millóns de euros destinados á rehabilitación de vivendas e á mellora do espazo público nestes dous ámbitos da cidade.


Tras máis de once anos de tramitación e diversos requirimentos administrativos sen completar, o actual Goberno local conseguiu finalizar en apenas un mes a documentación necesaria para presentar formalmente a candidatura ante o Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS).

A actuación poderá abarcar un total de 475 vivendas distribuídas en 27 rúas dos barrios da Milagrosa e Feijoo e permitirá acceder a axudas de entre 34.000 e 50.500 euros por vivenda para actuacións de rehabilitación integral, mellora da eficiencia enerxética, accesibilidade, conservación e habitabilidade.

Ao abeiro deste proxecto contémplanse actuacións en ascensores, escaleiras, cubertas, fachadas, fiestras, illamentos, instalacións de calefacción e ventilación, paneis fotovoltaicos e outras melloras destinadas a incrementar a calidade de vida da veciñanza e a eficiencia dos edificios.

A delimitación establecida é, no caso da Milagrosa, a área que forman as rúas Avenida da Coruña, Río Navia, Concepción Arenal e a secuencia de Milagrosa, Camiño Real e Mar Cantábrico. Deste xeito, quedan incluídas expresamente na memoria aprobada hoxe ámbitos das seguintes rúas: A Milagrosa, Das Fontes, Curros Enríquez, Praza da Milagrosa, Mallorca, Avenida da Coruña, Concepción Arenal, Camiño Real, da Xesta, Pontevedra, Tui, Lamas de Prado, Mondoñedo, Río Navia, do Prado e Mar Cantábrico.

Pola súa banda, no caso do Barrio Feijoo a delimitación perimetral confórmana a rúa Río Cabe, Praza das Reboiras, San Lourenzo, Santo Antonio, Juana Ibarborou e Perpetuo Socorro. Neste senso, quedan incluídas tamén as rúas San Lourenzo, Santo Antonio, Río Parga, Juana Ibarborou, Praza das Reboiras, Alexandre Bóveda, San Vicente, Río Cabe, Perpetuo Socorro, Otero Pedrayo e Menorca, como punto de conexión entre ambos ámbitos.

A declaración da ARI permitirá non só actuar sobre os edificios residenciais, senón tamén impulsar actuacións de mellora do espazo público, consolidando unha estratexia de transformación urbana a medio prazo. A diferenza doutras convocatorias extraordinarias e limitadas no tempo, esta figura permitirá ao Concello optar a futuras liñas de financiamento ata o ano 2030 para seguir avanzando na rehabilitación e rexeneración destes barrios.

O Goberno local destaca que esta iniciativa supón unha oportunidade histórica para mellorar a calidade das vivendas, revitalizar espazos urbanos e impulsar a transformación de dous barrios fundamentais para o presente e o futuro da cidade.

Outros asuntos da Xunta de Goberno local

Ademais da aprobación da proposta de declaración da ARI da Milagrosa e Feijoo, a Xunta de Goberno Local deu luz verde a DEZ licenzas urbanísticas para a rehabilitación, mellora da accesibilidade e construción de vivendas tanto no casco urbano como no rural do municipio.

·        Rehabilitación edificiación tradicional en Cabanas, Santa Comba

·        Vivenda unifamiliar illada con anexo para garaxe na Louzaneta

·        Instalación dun elevador vertical nunha vivenda unifamiliar en Monte Faro (mellora de accesibilidade

·        Substituicón de cuberta no lugar de Vilar, en Adai

·        2 cambios de uso dun local comercial a vivenda na rúa nova , 64 e outra cambio de uso de edificación tradicional a vivenda en Santa María a Alta

·        2 Segregacións de parcelas (en Seivane -Tirimol e en Bascuas)

·        Demolición dun centro de transformación situado na Avenida de Madrid

Precisamente na xunta de goberno tamén se aprobou delegar a sintatura das licenzas ata 300.000 € no concelleiro responsable de área co obxecto de axilizar esta tramitación.

Entre os asuntos abordados figura tamén a contratación das obras de abastecemento de auga á parroquia de San Martiño de Ombreiro (, incluídas no Plan Provincial Único de Cooperación 2026 (o orzamento total é de 272.274,67€ cunha achega da deputación de 239.994,87 €; tamén se contratou a través dun contrato de subministro grava miuda para tratamentos superficiais en camiños que se  adxudica mediante lotes.

No ámbito da mobilidade e das infraestruturas, aprobouse a adenda modificativa e de prórroga do convenio entre a Xunta de Galicia, o Concello de Lugo e Adif para o desenvolvemento da nova área de transporte intermodal e da súa contorna urbana.


A Xunta de Goberno abordou unha cesión de contrato a petición das sociedades mercantís dunhas actividades da  programación municipal de Xuventude

Fóra da orde do día

Aprobamos a sinatura de adhesión ao convenio de colaboración entre a Consellería de Educación e a Federación Galega de Provincias  para se dos primeiros concellos que se suman á rede concellos contra o acoso escolar.

Se inicia a contratación da operación de crédito a longo prazo para financiar o anexo de investimentos do ano 2026 (lembrar que os orzamentos deste ano viñan condicionados  pola contratación desta operación de crédito)

No ámbito económico aprobouse unha incorporación de remanentes para financiar entre outras cuestións o San Froilán, a carreira profesional dos traballadores , intervencións na praza de abastos e outra partida para o bono comercio.

Comparte éste artículo
No hay comentarios