Centos de lucenses enviaron fotos dos desastres da cidade. Os radicais, molestos pola súa publicación, boicotearon a páxina de Facebook ata suspendela temporalmente
A plataforma veciñal e apolítica SALVEMOS LUGO recibiu 80.000 visitas en tres días na páxina de Facebook na que mostraba con fotos o estado ruinoso da nosa cidade e pedía solucións.
En vista do éxito desta denuncia colectiva e das fotos enviadas por centos de lucenses, un grupo de radicais organizouse para silenciar a páxina e logrou suspendela temporalmente.
Por este motivo, as Asociacións de Veciños agrupadas na plataforma SALVEMOS LUGO condenamos o ataque á liberdade de expresión perpetrado por estes fanáticos.
E dende esta plataforma de xente libre preguntámosvos quen credes que nos atacou, a que persoas lles pode molestar que pidamos unha protectora de animais ou unha praia fluvial; a quen lle doe que pidamos o arranxo do pavimento roto ou o coidado dos barrios. A que cidadán lle pode molestar que pidamos solucións para as estradas cheas de fochancas ou para un carril bici destrozado e inútil, a quen lle escoce a verdade…
Agora toca reflexionar sobre os métodos que emprega esta xente para silenciar a voz veciñal e toca preguntarse se os cidadáns libres e soberanos imos deixar que un grupo de tiranos nos peche a boca e nos diga de que temas podemos falar e de cales non.
Dende esta plataforma veciñal xa anunciamos que non lle imos pedir permiso a ninguén para dicir a verdade: que as rúas desta cidade están desfeitas, o mobiliario urbano roto, as instalacións deportivas destrozadas, o rural abandonado, os comercio local morto, a cultura esquecida e a cidade convertida na máis atrasada de España.
Denunciamos que Lugo leva anos sen ningún plan de traballo serio e os lucenses temos o dereito e a obriga de loitar pola nosa cidade e de esixir xestión e respecto.
Nós lamentamos a situación dos que van ter que buscar traballo porque perden os salarios públicos fáciles cobrados durante anos, pero iso non xustifica o fanatismo nin o ataque á liberdade de expresión, que é un piar da democracia.
Agradecemos a colaboración dos centos de persoas que nos enviaron fotos e suxestións ao correo salvemoslugo@gmail.com e dicímosvos que seguimos aidante para levantar a nosa cidade: SALVEMOS LUGO.