Antonio Ameijide destaca que a presión dos deputados populares logrou desbloquear a readmisión dos traballadores de Suplusa, cunha sentenza gañada no Tribunal Supremo, a apertura da residencia de Becerreá, cunha sentenza que obriga á Deputación a cumprir o convenio e abrila tras catro anos pechada, ou a realizar traballos de mellora nas estradas da rede viaria provincial, entre outros.
Os deputados do Grupo Provincial Popular destacan que grazas á presión política e a labor de fiscalización realizados ao longo dos últimos anos “conseguimos que o goberno provincial de PSOE e BNG rectifique en cuestións de especial relevancia para a provincia”.
Así o destacou o voceiro provincial popular, Antonio Ameijide, que recordou que durante os últimos meses non lles deixamos outro remedio que modificar o rumbo do goberno provincial evidenciouse en numerosos exemplos.
Un deses casos, dos máis evidentes, é a readmisión dos traballadores de Suplusa que se derivaron hai anos a Tragsa. “Foron moitos anos co PSOE e o BNG negando a realidade da situación e mesmo rexeitando a readmisión destes empregados no pleno provincial; pero tras gañar unha sentenza no Tribunal Supremo ao goberno provincial non lle quedou máis remedio que acatar a resolución xudicial, na que que se dá a razón ás reivindicacións defendidas polo Partido Popular”, destacou.
Como consecuencia, o PSOE e o BNG non tiveron máis remedio que readmitir aos traballadores dos que prescindira hai varios anos.
Antonio Ameijide puxo tamén como exemplo a residencia de maiores de Becerreá. PSOE e BNG teñen que atender as demandas formuladas polos veciños, o Concello de Becerreá e o Grupo Provincial Popular, así como cumprir cunha resolución xudicial que avala a posta en funcionamento destas instalacións. Trátase dunha boa e esperada noticia para os veciños de Becerreá e de toda a comarca, que poderán beneficiarse de 96 prazas de residencia e 40 de centro de día, uns servizos moi necesarios que deben entrar en funcionamento canto antes.
Na mesma liña, PSOE e BNG víronse obrigados a rectificar na súa política de conservación das estradas provinciais. Durante anos, os deputados do Grupo Provincial Popular denunciaron o abandono da rede viaria da Deputación e a falta de mantemento das infraestruturas. Unha situación que derivada da ausencia de planificación e nulo mantemento xa que “este tipo de traballos non permiten inauguracións nin fotografías para a propaganda política, pero que son fundamentais para garantir a seguridade e a mobilidade dos veciños”.
Antonio Ameijide tamén destacou outros ámbitos nos que PSOE e BNG tiveron que dar marcha atrás nas súas decisións, como é o caso dos clubs náuticos, “noutra mostra de que a acción de control e a defensa do interese xeral exercida polo Partido Popular é imprescindible para corrixir erros e evitar prexuízos para a provincia”.
Desde o Grupo Provincial Popular destacan que todos estes cambios son consecuencia directa “do intenso traballo de fiscalización que realizamos día a día, analizando cada expediente, cada acordo e cada Xunta de Goberno”. “Unha tarefa rigorosa e que leva moito tempo, pero que ten como obxectivo conseguir unha Deputación máis xusta, máis transparente e máis igualitaria para todos os veciños, independentemente do municipio no que residan”, destacou.
Antonio Ameijide considera que, tras anos protagonizados pola falta de transparencia e por unha forma de gobernar afastada do diálogo e da participación, a Deputación “necesita recuperar o respecto polos principios de igualdade, eficacia e boa xestión, algo para o que seguiremos exercendo unha oposición firme, responsable e vixiante para defender os intereses de todos os lucenses”.