Alejandro Criado do CICA da Universidade da Coruña participa no desenvolvemento dun sensor baseado en grafeno que podería axudar a identificar a enfermidade en fases máis temperás.
A endometriose afecta aproximadamente a unha de cada dez mulleres en idade reprodutiva en todo o mundo. Porén, a pesar da súa elevada prevalencia, continúa sendo unha enfermidade infradiagnosticada e difícil de detectar. O tempo medio para obter un diagnóstico sitúase arredor dos 7,5 anos desde a aparición dos primeiros síntomas, aínda que en moitos casos a espera pode prolongarse ata unha década.
Co obxectivo de contribuír a reducir eses tempos de diagnóstico, a Universidade da Coruña (UDC) participa no proxecto europeo SENSOPAD a través do grupo NANOSELF do Centro Interdisciplinar de Química e Bioloxía (CICA). Esta iniciativa busca desenvolver novas ferramentas capaces de detectar sinais temperás da enfermidade a partir da análise do fluxo menstrual, unha fonte de información biolóxica con gran potencial para o diagnóstico precoz.
O proxecto combina dúas tecnoloxías complementarias. A primeira consiste nunha compresa intelixente capaz de detectar proteínas asociadas á endometriose directamente durante a menstruación e alertar á usuaria de posibles sinais da enfermidade. A segunda, denominada “sensoMFgFET”, é un dispositivo portátil baseado en grafeno capaz de identificar biomarcadores presentes nas mostras menstruais con gran sensibilidade.
Esta última tecnoloxía está a ser desenvolvida por Alejandro Criado Fernández, investigador Ramón y Cajal do CICA e especialista no deseño de sensores baseados en grafeno para aplicacións biomédicas. O dispositivo emprega transistores de efecto de campo modificados quimicamente para recoñecer biomarcadores específicos da endometriose e transformalos nunha sinal eléctrica medible. Grazas á extraordinaria sensibilidade do grafeno, o sistema podería detectar indicios da enfermidade en fases moi iniciais e mediante procedementos totalmente non invasivos.
A experiencia de Criado neste ámbito xa foi recoñecida a nivel europeo a través da coordinación do proxecto FLUFET, centrado no desenvolvemento de sensores avanzados para a detección de virus coñecidos e emerxentes. En SENSOPAD, esta tecnoloxía aplícase agora a un dos grandes retos da saúde feminina: reducir os anos de espera que separan a aparición dos síntomas dun diagnóstico fiable.
O proxecto non pretende substituír o diagnóstico médico, senón ofrecer ferramentas que permitan orientar máis rapidamente ás pacientes cara a unha avaliación clínica especializada. Ao tratarse de tecnoloxías sinxelas, accesibles e non invasivas, os investigadores confían en que poidan contribuír no futuro a mellorar a detección temperá da endometriose e a calidade de vida dos máis de 190 millóns de persoas afectadas por esta enfermidade en todo o mundo.
Sobre o CICA
O Centro Interdisciplinar de Química e Bioloxía (CICA) creouse en 2015 como un centro de investigación de ciencias avanzadas que conta con máis de 200 investigadores e investigadoras pertencentes a tres áreas científicas: Biomedicina; Alimentación, Contaminación e Saúde; e Nanociencia e Materiais Avanzados.
Desde 2024, o CICA conta co recoñecemento CIGUS da Xunta de Galicia, que acredita a calidade e impacto da súa investigación.
A excelencia investigadora, a transferencia tecnolóxica e a transmisión de coñecemento á sociedade forman os tres piares sobre os que se fundamenta o centro de investigación. É recoñecido pola atracción de talento, a visibilidade da muller científica e a promoción da igualdade de xénero, contando cunha presenza feminina superior ao 50%.