O PP desvela a intención de Tomé de que “os lucenses paguemos a súa defensa por presunto acoso sexual” e esixe a Carmela López, PSOE e BNG que non paguen os avogados “a un presunto acosador”

Antonio Ameijide: “Que vai facer agora o BNG? Van permitir que se pague con fondos públicos a defensa dun presunto acosador? Ana Pontón vaino permitir? Que falen claro e mostren a súa postura ante os veciños da provincia, xa demostraron que con tal de pisar moqueta pactan e asociáronse cun presunto acosador sexual, pero tamén lle van a pagar os avogados”.

Os deputados do Grupo Provincial Popular desvelaron hoxe que José Tomé, expresidente da Deputación e investigado por un presunto caso de acoso sexual por ofrecer postos de traballo a cambio de sexo, pretende que a Deputación de Lugo, é dicir, todos os lucenses, “lle paguemos a súa defensa xurídica neste caso”.

Así o explicaron o voceiro provincial, Antonio Ameijide, e os vicevoceiros, Demetrio Salgueiro e José Ángel Santos, durante unha rolda de prensa que ofreceron esta mañá diante da Deputación de Lugo.

Antonio Ameijide explicou que “tivemos acceso a esta documentación, a pesar das trabas postas polo goberno de Carmela López xa que, en primeiro termo, deron un expediente erróneo cando pedimos coñecer a petición realizada por Tomé”, sinalou en referencia á que a documentación facilitada foi unha petición realizada polo alcalde de Monforte para que a Deputación enviase ao Concello 2.100.000€.

“Agora que tivemos a documentación correcta, vemos como Tomé solicita, o 27 de abril, o pago dos honorarios dos seus avogados por parte da Deputación, algo que non imos a permitir”, afirmou.

Neste senso, os deputados do Grupo Provincial Popular defenderán no vindeiro pleno unha moción “para evitar que todos os lucenses paguemos a defensa de calquera representante da Deputación investigado por delitos graves, como o presunto acoso ou abuso sexual, ou similares”. 

Antonio Ameijide é contundente ao respecto e pregunta: “Van a permitir Carmela López, PSOE e BNG que todos os lucenses paguemos a defensa de Tomé? Se o permiten está claro que esta foi unha das condicións impostas polo expresidente para que Carmela López fose nomeada presidenta da Deputación”.

“Se José Tomé ten problemas coa xustiza, debe custearse os seus avogados do seu propio peto. Os recursos públicos dos lucenses non se deben destinar a pagar a defensa dun presunto acosador sexual”, afirmou. 

O voceiro popular foi contundente a este respecto: “Que vai facer agora o BNG? Van permitir que se pague con fondos públicos a defensa dun presunto acosador? Ana Pontón vaino permitir? Que falen claro e mostren a súa postura ante os veciños da provincia”.

Esta contundente reacción dos deputados populares xorde tras ter acceso ao expediente solicitado Grupo Provincial Popular. O expediente deixa claro que José Tomé pretende que a Deputación de Lugo asuma o custo dun orzamento privado que ascende a 37.000€ (sen IVA) correspondente ao bufete Liaño & Márquez de Prado Abogados. 

Coa presentación desta moción no vindeiro pleno, o Grupo Provincial Popular quere poñer o foco na responsabilidade política e moral do goberno de Carmela López, forzando ao PSOE e ao BNG a posicionarse publicamente: defender a todos os lucenses ou blindar os intereses particulares de José Tomé. 

Comparte éste artículo
No hay comentarios