O PP denuncia que PSOE e BNG seguen sen reparar a perigosa ponte da LU-P-2405, en Guntín, case dous anos despois de advertir do risco

Antonio Ameijide lembra que en varias ocasións reclamamos unha intervención urxente neste punto no que os vehículos poderían acabar caendo ao río polo afundimento da calzada ou mesmo ao cruzarse sen ningún tipo tipo de protección, cunha elevada densidade de circulación, sobre todo de vehículos pesados.

Os deputados do Grupo Provincial Popular denuncian, unha vez máis, “a total falta de preocupación de PSOE e BNG polo mantemento da rede viaria provincial” xa que a falta de actuación do goberno provincial nesta materia “provoca situacións de perigo para os condutores”, como a que se dá na estrada provincial LU-P-2405, no concello de Guntín, que, “case dous anos despois de denunciar publicamente a necesidade dunha intervención urxente nunha ponte, a situación continúa sen resolverse”.

Así o comprobaron o voceiro provincial popular, Antonio Ameijide, e o alcalde de Guntín, Ángel Pérez, recordando como en varias ocasións, a última delas en xullo de 2025, se pediu unha actuación inmediata neste punto da vía, que comunica Guntín con Entramasaugas, San Román e As Pardellas.

“Xa advertimos en numerosas ocasións do elevado risco que hai para a circulación, especialmente no caso de que dous vehículos se cruzasen na ponte, xa que un deles podería acabar caendo ao cauce do río, pero nin por esas PSOE e BNG fan algo”, denunciaron.

Antonio Ameijide lembra que se trata dunha ponte situada nunha curva, cunha zona interior afundida e sen ningún tipo de varanda nin elemento de protección que garanta a seguridade dos usuarios. “Hai máis dun ano que advertimos deste perigo e reclamamos unha solución. PSOE e BNG coñecen perfectamente a situación, pero o tempo pasa e a actuación segue sen chegar”, sinalou Ameijide, recordando que “Carmela Lopez non fai nada porque o mantemento non o pode inaugurar, polo que quedaría sen unha foto”.

O voceiro popular sinala que é “incomprensible” que o goberno de PSOE e BNG manteña sen resolver un problema que afecta á seguridade de calquera persoa que utilizan esta estrada. “Non estamos falando dunha actuación secundaria, estamos falando de evitar que poida producirse un accidente nun punto no que as consecuencias poderían ser moi graves”, explicou.

Pola súa banda, o alcalde de Guntín, Ángel Pérez, insiste na necesidade de que a Deputación actúe canto antes e lembra que os concellos non poden asumir as competencias nin os investimentos que corresponden ao goberno provincial.

A LU-P-2405 precisa dunha intervención que garanta unhas condicións adecuadas de seguridade, ademais doutras melloras no firme, nas cunetas ou na sinalización da vía.

Desde o Grupo Provincial Popular afirman que pediremos de novo no pleno que PSOE e BNG “se preocupen do mantemento” da rede viaria e que deixen de ignorar as reclamacións realizadas desde Guntín e acometan dunha vez por todas as obras necesarias.

“Non é aceptable que, despois de máis dun ano de advertencias, os responsables provinciais sigan sen ofrecer unha solución a un problema tan evidente. A seguridade dos usuarios das estradas debe ser unha prioridade e non pode seguir esperando”, sentenciou Ameijide.

Comparte éste artículo
No hay comentarios