A Deputación de Pontevedra destaca en Ribadumia o papel profesional das mulleres no sector do viño

O Auditorio municipal de Ribadumia acolleu este xoves un novo faladoiro do programa da Deputación de Pontevedra Aquí faltan páxinas centrado nas mulleres da industria do viño. A deputada de Igualdade, Paula Bouzós, salientou que “as mulleres foron abrindo camiño para reivindicar o seu territorio e a súa identidade, desenvolvendo un papel fundamental que foi e segue a ser moi invisibilizado”.

Bouzós lembrou que as mulleres comezaron realizando labores como o coidado das viñas, pero foron asumindo máis responsabilidades ata “a xestión das adegas, xa nos tempos nos que os homes emigraron masivamente na busca de traballo co que manter as súas familias”. A deputada tamén sinalou que hoxe en día a presenza de mulleres na industria está máis profesionalizada, “pero seguen a ser menos nos postos directivos”. Por iso lembrou que con Aquí faltan páxinas, programa finalista nos Premios Ondas Globais do Pódcast, “estamos a poñer en valor o papel de grandes mulleres que viviron e viven na provincia, mulleres que abriron o camiño a outras e que traballaron para facer dela un lugar mellor”. Tamén aproveitou para facer fincapé na “necesidade de construír un mundo máis xusto sumando vontades, sen crispación e dialogando” e para remarcar que “a igualdade é un obxectivo irrenunciable deste goberno provincial”.

O faladoiro foi conducido por Anónimas Viticultoras, un proxecto da enóloga Cristina Yagüe e da adegueira María Falcón que fai este ano unha década dándolle visibilidade á figura da muller e extraendo todo o seu potencial ás variedades de uva que crecen en Galicia. Este ano acadaron o Premio Isabel Mijares na categoría de mellor novo proxecto, no marco da Barcelona Wine Week, un dos máis prestixiosos salóns do viño da península Ibérica.

A terceira edición de Aquí faltan páxinas terá continuidade con máis faladoiros tralos protagonizados polas alfombreiras, Juaniña do Porriño, Concepción Pérez Iglesias, as Nais contra a Droga, as mulleres de Gargamala, Marisol Soengas, Matilde Vázquez, Rita Fernández Queimadelos, Corona González Santos e as mulleres do mundo do viño. A eles seguiranlle os que narrarán as historias da cineasta Cruz Risco e das primeiras policías locais, Marina Ledo e Begoña Villar. Todos os faladoiros das tres edicións do programa están dispoñibles en streaming e tamén en formato pódcast no sitio web institucional, así como as plataformas YouTube, Spotify e iVoox.

Etiquetas
Comparte éste artículo
No hay comentarios