Alternativa Enxebre quere mostrar a súa profunda preocupación ante a decisión comunicada polo alcalde de Arteixo de trasladar o Pleno ordinario de xuño ao día 30, unha das datas que a concelleira Noelia Martínez Canosa xa advertira previamente como incompatible por compromisos persoais adquiridos con moita antelación.
Segundo explica Noelia Martínez Canosa, a comezos deste mes o Goberno municipal comunicou aos grupos municipais a súa intención de modificar a data do Pleno ordinario de xuño, previsto inicialmente para o día 25 de xuño, último xoves do mes segundo o Regulamento Orgánico Municipal.
A xustificación ofrecida foi que o día anterior, 24 de xuño, é festivo en Galicia pola celebración de San Xoán.
“Nese mesmo momento manifestei que non existía ningún inconveniente por parte nosa en aceptar un cambio de data, sempre que se fixese desde o consenso e garantindo a participación de todos os representantes municipais”, sinala Noelia Martínez Canosa.
A concelleira trasladou tamén nese mesmo momento os únicos días nos que non podería asistir ao Pleno debido a compromisos persoais adquiridos con moita antelación: os días 29 e 30 de xuño e 1, 2, 3 e 6 de xullo.
“Expliquei claramente cales eran as únicas datas incompatibles e amosei total flexibilidade para asistir a calquera outra convocatoria que se puidese acordar”, afirma.
Porén, o que inicialmente se presentou como unha proposta acabou concretándose na data do 30 de xuño, segundo foi comunicado polo alcalde aos representantes municipais.
Deste xeito, o Goberno municipal opta precisamente por unha das únicas datas que xa foran comunicadas como incompatibles pola concelleira.
Para Noelia Martínez Canosa, esta situación resulta especialmente grave.
“Aquí non estamos a falar dunha circunstancia sobrevida nin dun imprevisto de última hora. Estamos a falar duns días que foron comunicados desde o primeiro momento, ao mesmo tempo que o propio Goberno municipal propoñía modificar a data do Pleno. Existían alternativas. Existía a posibilidade de manter a data ordinaria do 25 de xuño. Existía a posibilidade de buscar outra data compatible coa asistencia de todos os representantes municipais. Por iso resulta inevitable preguntarse por que se escolle precisamente unha das únicas datas nas que xa se sabía que eu non podía asistir”, afirma.
Desde Alternativa Enxebre lembran ademais que esta situación non constitúe un feito illado, senón que se enmarca nunha dinámica que consideran cada vez máis preocupante.
Segundo a formación, nos últimos anos producíronse continuos cambios nas datas inicialmente previstas para plenos, comisións informativas, xuntas de portavoces e outras reunións municipais, xerando importantes dificultades organizativas aos concelleiros e concelleiras da oposición, que deben compatibilizar a súa actividade política coa súa vida laboral e familiar.
“No meu caso, como no doutros representantes da oposición, isto implica modificar quendas de traballo, reorganizar horarios e realizar constantes cambios para poder cumprir coas obrigas institucionais. O que non pode ocorrer é que se utilice esa situación para dificultar a participación da oposición”, explica a concelleira.
Alternativa Enxebre considera que a decisión comunicada polo alcalde constitúe un feito de enorme gravidade política e institucional.
Cómpre lembrar que Noelia Martínez Canosa é a única representante institucional de Alternativa Enxebre no Concello de Arteixo. A súa ausencia suporía deixar sen voz no Pleno o labor de control, fiscalización e denuncia que vén desenvolvendo de forma constante fronte á actuación do Goberno municipal.
“Desde o noso punto de vista, celebrar o Pleno precisamente nunha das únicas datas nas que xa se sabía que eu non podía asistir supón un auténtico atentado contra a democracia e contra o dereito de participación política que corresponde a toda representante elixida democraticamente. Son formas que pouco ou nada teñen que ver coa normalidade democrática que debería existir nun Concello”, manifesta Noelia Martínez Canosa.
A formación considera igualmente que esta forma de actuar resulta especialmente preocupante ao producirse nun contexto no que a concelleira vén desenvolvendo unha intensa actividade de control, fiscalización e denuncia da actuación do Goberno municipal.
“Carlos Calvelo e o seu equipo de goberno parecen cada vez máis incómodos co labor de oposición que estamos realizando. Pero a democracia non consiste en utilizar unha maioría absoluta para dificultar a presenza da oposición nos plenos, senón en garantir que todas as voces poidan exercer plenamente a representación que lles corresponde”, engade.
Finalmente, Alternativa Enxebre advirte de que, se esta situación non se corrixe de inmediato e non se garante a celebración do Pleno nunha data que permita a asistencia de todos os representantes municipais, estudará a adopción das medidas políticas, institucionais e legais que considere oportunas para defender os dereitos de representación política e denunciar publicamente o que considera unha actuación incompatible cos principios básicos de participación democrática.
“Non imos quedar calados nin aceptar con normalidade este tipo de prácticas. Hai límites que non deberían cruzarse nunha institución democrática e entendemos que este é un deles”, conclúe Noelia Martínez Canosa.