APRAFOGA: «A Xunta compromete a protección do medio natural ao marxinar aos axentes ambientais»

APRAFOGA(Asociación Profesional de Axentes Forestais e Medioambientais de Galicia) critica abertamente a actitude ineficiente e clasista da Consellería do Medio Rural. 

Tralo 2025, un dos episodios máis catastróficos na historia dos incendios forestais en Galicia, o Goberno autonómico presentou a intelixencia artificial e as novas tecnoloxías como o piar estratéxico para optimizar as tarefas de extinción e axudar a erradicar esta lacra dos lumes.

Con todo; esta aposta pola tecnoloxía contrasta cunha realidade moi diferente: Os Axentes Ambientais, responsables da Dirección de Extinción no 99% dos incendios forestais en Galicia, vense obrigados a planificar e executar estratexias e tácticas en tempo real limitados ao uso dun único teléfono móbil de pantalla moi limitada para executar e planificar as estratexias e operacións nos incendios forestais a través da App Xeocode Lite; a isto hai que engadirlle a imposibilidade do uso dual entre as incesantes chamadas durante a extinción e o uso da App. Esta carencia técnica dificulta gravemente a coordinación nunhas tarefas de extinción onde a precisión e a rapidez na toma de decisións son fundamentais de cara a desenvolver correctamente as operacións tácticas sobre o terreo.

A recente compra de tablets por parte da Xunta de Galicia ilustra perfectamente esta desconexión coa realidade. No canto de dotar ao persoal de campo con ferramentas que faciliten a coordinación e a dirección de extinción — garantindo así a seguridade do persoal baixo o seu mando, estes dispositivos foron entregados a persoal administrativo que xa conta con ordenadores de sobremesa e portátiles.

APRAFOGA para nada cuestiona que se dote de ferramentas a outro persoal do dispositivo, o que se ven a criticar é o uso ineficiente dos fondos públicos para adquirir material que, a miúdo, remata sen uso. Ante isto, formulamos as seguintes cuestións: porque non se mercaron dispositivos para todo o persoal que o precisa; que criterios se seguiron para un reparto que, visiblemente, ignora as necesidades reais dos profesionais que traballan no monte?

Paralelamente, APRAFOGA denuncia a precariedade dos medios administrativos nos centros de traballo, onde a escaseza de equipos obriga a compartir ordenadores entre varios traballadores, dificultando gravemente a xestión burocrática; cada vez máis presente no noso día a día. Ao mesmo tempo, o uso de equipos compartidos choca de fronte cun tema tan serio e delicado como é a protección de datos persoais en moitos dos documentos que manexamos

É hora de que a Consellería abandone as políticas arbitrarias e a xestión con favoritismos que lastra neste tipo de decisións. Os/As actuais dirixentes deben ser conscientes de que os tempos en que a opacidade e as decisións parciais que imperaban xa son parte dun pasado que non ten cabida na Administración pública actual.

Comparte éste artículo
No hay comentarios