O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, participou en Oleiros nun encontro organizado polo corpo consular de distintos países latinoamericanos no que abordou os retos económicos, demográficos e sociais de Galicia desde unha perspectiva internacional. A reunión analizou as oportunidades do acordo UE-Mercosur para sectores produtivos galegos, o impacto dos aranceis de Trump nas exportacións galegas, que superan os 800 millóns de euros anuais cara ao mercado estadounidense, e o alcance da Lei de Memoria Democrática, baixo a que máis de 2,4 millóns de descendentes de emigrantes españois solicitaron a nacionalidade, principalmente en países latinoamericanos como Arxentina, Cuba, Venezuela, México ou Uruguai.
Besteiro subliñou o vínculo histórico de Galicia con América Latina, construído a través de xeracións de emigración, e destacou que a diáspora galega conta hoxe con máis de 563.000 persoas inscritas no exterior e preto de 505.000 no censo electoral. Para o líder socialista, esa historia compartida non é só un elemento identitario senón un activo estratéxico: América Latina é un mercado crecente para as exportacións galegas, con países como Brasil e Arxentina gañando peso de forma sostida nos últimos anos.
O despoboamento e a inmigración centraron boa parte do debate. Besteiro defendeu os procesos de regularización impulsados polo Goberno de España como unha medida necesaria para cubrir os miles de postos de traballo que quedan vacantes cada ano en sectores como os coidados, a hostalería, a construción ou o sector primario. «Regularizar é dar dereitos, pero tamén é actuar con realismo e responsabilidade», afirmou. O secretario xeral do PSdeG pechou a súa intervención apostando por unha reindustrialización baseada na innovación, a transición enerxética e o emprego de calidade.