A Deputación de Lugo formalizou este venres o convenio de colaboración co Concello de Lugo para financiar o Arde Lucus 2026, unha das citas culturais e turísticas máis importantes da provincia. Con esta achega de 50.000 euros, a institución provincial reafirma o seu compromiso coas iniciativas que dinamizan a economía e o turismo no territorio.
A sinatura tivo lugar no Pazo de San Marcos no marco da rolda de encontros institucionais que a Presidencia da Deputación está a manter cos rexedores e rexedoras da provincia para escoitar as súas demandas e reforzar a cooperación entre administracións. O acordo, aprobado pola Xunta de Goberno hai apenas unhas horas, garante o respaldo económico da Deputación a un evento que, precisamente, se está a desenvolver estes días na cidade.