– A alcaldesa de Lugo, Elena Candia, presidiu xunto á subdelegada do Goberno en Lugo, Olimpia López, a Xunta Local de Seguridade para revisar o dispositivo previsto con motivo da celebración do Caudal Fest.
Durante a reunión, revisouse o Plan de Autoprotección do festival e os diferentes corpos e servizos de seguridade participantes explicaron os dispositivos específicos previstos para este evento, coa finalidade de coordinar as actuacións e garantir o seu correcto desenvolvemento.
A Xunta Local de Seguridade permitiu así poñer en común as medidas previstas polos distintos operativos e reforzar a coordinación entre os organismos implicados ante a celebración do festival, que reunirá a miles de persoas na cidade.