O PP denuncia que PSOE e BNG aprobaron definitivamente hoxe “a suba brutal” de ata 800€ aos usuarios das residencias

Antonio Ameijide acusa a PSOE e BNG de “ocultismo” ao estar informando “a última hora, individualmente e por teléfono” ás familias da subida nas residencias: “O que buscan é evitar que os afectados poidan organizarse e conxuntamente respostar a este ataque aos usuarios das CAMs provinciais e ás súas familias”.

Os deputados do Grupo Provincial Popular cualificaron “indecencia e auténtica salvaxada” a subida de prezos nos centros de atención a maiores da Deputación de Lugo, un incremento que en moitos casos chega ata os 800€ máis ao mes. 

O voceiro provincial popular, Antonio Ameijide, denuncia que o goberno de PSOE e BNG está a executar este “hachazo” de forma “opaca, chamando un por un por teléfono aos familiares dos usuarios para evitar unha reacción colectiva”.

Neste senso, Ameijide lamenta que “finalmente confirmouse o que levamos denunciando desde o 31 de marzo – data na que PSOE e BNG aprobaron en solitario as novas tarifas das residencias da rede provincial, co voto en contra do PP – e que tanto socialistas como nacionalistas negaban categoricamente”. 

A realidade que se están a atopar as familias é que o recibo mensual vai pasar, nalgunhas tarifas, dos 1.390€ aos 2.200€, no caso dos dependentes, e dos 1.080€aos 1.750€, no caso dos non dependentes, “o que supón un incremento do 60%”. “Unha brutalidade desta magnitude e de golpe é intolerable para calquera institución pública”, denunciou.

OCULTISMO PARA EVITAR REACCIÓN PÚBLICA

Antonio Ameijide denuncia que tanto PSOE como BNG “manteñen unha total falta de transparencia, ademais de que están a realizar manobra de escapismo”. “non sabemos o motivo pero, tras realizar a aprobación inicial no pleno de marzo, agora vemos como optan por levar a aprobación definitiva á xunta de goberno en lugar de devolvela ao pleno”, explicou.

“Por que o fan así? Serán PSOE e BNG os que expliquen, pero débese a que en xunta de goberno non estamos representados os deputados da oposición, polo tanto non hai debate; como tampouco hai medios de comunicación”, afirmou.

A realidade é que PSOE e BNG tiveron desde o 31 de marzo para informar á veciñanza con transparencia, pero preferiron agardar e facelo agora individualmente “para que as familias non poidan unirse e protestar de forma pública e conxunta”. 

O MODELO A SEGUIR

Antonio Ameijide recorda que esta suba das taxas supón “igualar os prezos de toda a rede provincial aos que, en teoría, terá a residencia de Becerreá cando abra as súas portas”, a pesar de que “Pablo Rivera, responsable da área, dixo no salón de plenos que “o modelo de Becerreá non era o modelo de residencias da Deputación””, unha reflexión tamén compartida polo vicepresidente Efrén Castro.

“Resulta cando menos curioso o que acaban de facer. Copiar milimetricamente a tarifa de prezos que prevén aplicar en Becerreá para impoñela a toda a rede provincial, o que demostra cal era o verdadeiro modelo de PSOE e BNG: espremer as petos dos lucenses”, denunciou.

Antonio Ameijide recorda que desde o Grupo Provincial Popular “rexeitamos” a proposta do goberno provincial de PSOE e BNG porque “non estamos de acordo con esta subida, tampouco coa súa xestión nin en como fan moitas cousas” e porque supón “renunciar á apertura doutras residencias comprometidas”. 

Coa aprobación final deste expediente evidénciase que “a Deputación dá as costas aos maiores e di non aos Concellos onde teñen residencias comprometidas” porque “porque non contan ter máis usuarios e, polo tanto, non abrir novas residencias”.

Neste senso, os deputados populares piden a PSOE e BNG “que recapaciten” e que non sigan adiante con esta suba de prezos e que traballen para abrir as residencias comprometidas como as de A Pobra do Brollón, Guitiriz ou Portomarín, entre outras.

Comparte éste artículo
No hay comentarios