Bando da Alcaldía de Lugo con motivo da festividade de san Xoán

A Alcaldía do Concello de Lugo fai un chamamento á responsabilidade, á prudencia e ao estrito cumprimento das medidas de seguridade durante a celebración das tradicionais cacharelas e fogueiras de San Xoán.

Ante a situación de ALERTA VERMELLA por episodio de calor decretada polos servizos de emerxencias da Xunta de Galicia, e dadas as elevadas temperaturas previstas, resulta imprescindible extremar todas as precaucións para evitar incendios e garantir a seguridade das persoas e dos bens.

Por este motivo, LÉMBRASE Á VECIÑANZA:

Que deberán cumprirse rigorosamente todas as condicións establecidas nas autorizacións municipais para o acendido de fogueiras.

Que queda prohibida a queima de materiais perigosos, contaminantes ou susceptibles de provocar proxeccións, explosións ou emisións tóxicas.

Que, cando a fogueira se realice sobre pavimentos, prazas ou vías públicas pavimentadas, deberá colocarse previamente unha capa de area ou material illante suficiente para evitar danos no firme.

Que se deberá manter en todo momento unha distancia de seguridade respecto de vivendas, vehículos, instalacións, masas arbóreas e demais elementos vulnerables. Que deberá gardarse unha distancia de seguridade suficiente respecto de liñas eléctricas, cableados de telefonía, iluminación pública e calquera outra instalación susceptible de resultar afectada polo lume ou pola calor.

Que as fogueiras non poderán quedar desatendidas en ningún momento, debendo contar cos medios necesarios para a súa inmediata extinción.

Que se recomenda dispoñer de auga, mangueiras, extintores ou outros elementos de primeira intervención nas proximidades.

Que ante calquera incidencia, risco de propagación do lume ou situación de emerxencia deberá avisarse de inmediato ao 112.

A celebración de San Xoán forma parte das nosas tradicións máis fondamente arraigadas, mais só poderá desenvolverse con normalidade se todas e todos actuamos con responsabilidade e respecto ás normas de seguridade.

O Concello de Lugo agradece a colaboración da cidadanía e fai un chamamento especial á prudencia para que esta noite festiva transcorra sen incidentes.

Comparte éste artículo
No hay comentarios