O legado de Alexandre Bóveda fronte ao galeguismo de moqueta, foto e subvención

Chamar a un fillo Alexandre en memoria de Alexandre Bóveda, como lle pusen a un dos meus fillos, é un dos xestos máis profundos de compromiso coa memoria histórica e o legado do galeguismo. Bóveda, representa o amor á terra ata as últimas consecuencias. Manter vivo o seu nome a través das novas xeracións é a demostración de que a memoria dos quen deron a vida por Galicia non se borra co paso do tempo. Unha homenaxe diaria e familiar que conecta o presente e o futuro coa mellor tradición do noso país.

Hai mortos cuxa dignidade é tan alta que ningún comité de protocolo debería atreverse a manosear. Alexandre Bóveda, , non foi fusilado na Caeira aquel 17 de agosto de 1936 para converterse, noventa anos despois, no cromo institucional daqueles que combaten todo o que el defendeu. Foi asasinado por pensar, organizar e soñar unha Galiza libre, dona dos seus recursos e consciente da súa identidade.

Por iso, resulta sencillamente insoportable presenciar o espectáculo da patrimonialización dos que se consideran herdeiros do seu legado. Asistir á ceremonia onde formacións e dirixentes aliñados con posturas da extrema dereita, aqueles que non esconden a súa hostilidade cara á lingua, á autonomía e á mera existencia da Nación Galega, pretenden posar na foto da homenaxe, é un exercicio de cinismo que roza a profanación histórica.

Pero o problema non radica só na audacia de quen intenta blanquearse co martirio alleo. O verdadeiramente sangrante é o silencio cómplice e a subordinación de quen debería velar por ese legado. Que a Fundación Alexandre Bóveda se preste a acoller ou amparar actos onde a institucionalidade do poder económico e político borra a arista revolucionaria e galeguista do personaxe non é un erro, é unha claudicación. Cando a preservación da memoria se supedita ao presuposto, á subvención de quenda e ao pesebre da administración, a causa deixa de ser un ideal para converterse nun balance de costes e ganancias.

As palabras que Alexandre Bóveda pronunciou antes de ser asasinado non deixan marxe á libre interpretación de ningún galeguista: «A miña morte servirá para acadar adictos á causa galega. Un ben que, aínda despois de morto, farei á nosa terra.«

Bóveda non entregou a súa vida para nutrir o currículo de galeguistas de salón nin para engordar os petos de fundacións dóciles. Falou de acadar adeptos á causa galega, non de pactar a foto con quen desmantela os dereitos do pobo galego a cambio dun convenio institucional.

Asistir hoxe ás repentinas «conversións» de organismos e institucións provinciais, como é a Deputación de Pontevedra, a través do Museo Provincial, que historicamente lle deron a espalda á identidade deste país, non é unha vitoria do galeguísmo; é o triunfo do berniz publicitario. É a metamorfose do converso que busca a foto oportunista mentres respalda alianzas políticas coa extrema dereita no resto do Estado.

Fronte ao galeguísmo de moqueta, factura e subvención, a figura de Alexandre Bóveda debe ser rescatada das garras de quen pretende neutralizala. A súa memoria pertence ao pobo que resiste, non aos despachos que facturan no seu nome. Aos traidores do sentimento de Bóveda convén lembrarlles que o diñeiro pode comprar actos, discursos e patrocinios, pero nunca poderá comprar a dignidade da historia.

A imaxe do mestre asasinado aos pes de dous nenos que choran a súa ausencia, recorda que a causa galega non se construíu en despachos confortables nin en disputas de siglas, senón no compromiso levado ata as últimas consecuencias.

Comparte éste artículo
No hay comentarios