A formación, promovida polas tres universidades públicas galegas – a Universidade de Vigo (UVigo), a Universidade de Santiago de Compostela (USC) e a Universidade da Coruña (UDC) – capacitará a profesionais do sector da automoción, da aeronáutica e do naval.
A Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF) acollerá, a partires do mes de setembro, o Máster Universitario en Vehículos Autónomos (MUVA), unha titulación interuniversitaria pioneira no noroeste peninsular pensada para formar a profesionais do eido da enxeñaría que sexan quen de deseñar, percibir e controlar sistemas autónomos en calquera medio. Detrás deste título están as tres universidades públicas galegas: a Universidade de Vigo (UVigo), quen exerce como coordinadora, a Universidade de Santiago de Compostela (USC)e a Universidade da Coruña (UDC).
Ademais de neste centro do Campus Industrial de Ferrol, este título interuniversitario impartirase na Escola de Enxeñaría de Aeronáutica e do Espazo, situada no Campus Auga de Ourense e pertencente á Universidade de Vigo (UVigo), e na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría, emprazada no Campus Terra de Lugo e pertencente á Universidade de Santiago de Compostela (USC). Ao longo dos dous primeiros cuadrimestres, o alumnado recibirá formación común vinculada ao eido da robótica. O programa inclúe materias relacionadas coa percepción e fusión sensorial, coa visión artificial, co mapeado e a localización, coas comunicacións, cos sistemas embebidos oumesmo coa robótica móbil.
O terceiro cuadrimestre será o da especialización, orientando así ao seu estudantado cara o sector da automoción, da aeronáutica ou do naval. Deste xeito, a Universidade de Vigo (UVigo) formará a seu alumnado no eido dos vehículos terrestres abordando temas como o modelado e simulación de vehículos terrestres, o control de vehículos terrestres ou a enxeñaría de vehículos terrestres. Pola súa banda, a Universidade de Santiago de Compostela (USC) especializarase no campo dos vehículos aéreos ofrecendo formación específica en robótica aérea, na dinámica de voo, no guiado, navegación e control e mesmo nos denominados sistemas de observación. Para rematar, a Universidade da Coruña (UDC) centrarase no eido dos vehículos mariños con materias vinculadas á enxeñaría de vehículos mariños, ao control de vehículos mariños, á sensorización e comunicación submarina e ás estratexias para as operacións mariñas.
Esta nova titulación contará con 24 prazas distribuídas de xeito equilibrado entre as tres universidades participantes. Así, a Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF) disporá de 8 prazas, a mesma cifra que a Escola de Enxeñaría de Aeronáutica e do Espazo (Ourense) e a Escola Politécnica Superior de Enxeñaría (Lugo). A formación combinará docencia presencial e en liña e está dirixida principalmente a persoas graduadas en Enxeñaría Informática, Enxeñaría Industrial, Telecomunicacións, Enxeñaría Naval e Oceánica, así como noutras ramas de enxeñaría afíns.
Preinscrición e matrícula
O prazo de inscrición nos másters universitarios da Universidade da Coruña (UDC) para o curso 2026/27 permanecerá aberto ata o vindeiro 13 de xullo. A listaxe provisional de persoas admitidas publicarase o 24 de xullo abríndose un período de reclamacións que se prolongará ata o día 26. As listaxes definitivas daranse a coñecer o 30 de xullo polo que a matrícula poderá realizarse entre o31 de xullo e o 4 de agosto.
Másters universitarios no Campus Industrial de Ferrol Curso 2026/27
Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF)
| Nome | Tipo | Modalidade | Créditos | Prazas |
| Máster Universitario en Enxeñaría Industrial | Habilitante | Presencial | 120 | 40 |
| Máster Universitario en Enxeñaría Naval e Oceánica | Habiltante | Presencial | 120 | 20 |
| Máster Universitario en Eficiencia Enerxética e Sustentabilidade | Internacional | Presencial En Liña | 60 | 25 |
| Máster Universitario en Informática Industrial e Robótica | Interuniversitario | Presencial En Liña | 60 | 30 |
| Máster Universitario en Fabricación Aditiva | Interuniversitario | Presencial | 60 | 10 |
| Máster en Realidade Estendida | Interuniversitario | Presencial | 90 | 10 |
| Máster Universitario en Vehículos Autónomos Curso 2026/27 | Interuniversitario | Presencial En Liña | 90 | 8 |
| Máster Universitario en Tecnoloxía Téxtil e Moda Sostible | Presencial En liña | 90 | 30 | |
| Máster Universitario en Deseño, Desenvolvemento e Comercialización de Videoxogos | Presencial | 120 | 20 | |
| Máster Erasmus MundusRenewable Energy and Sustainable Construction – RESCO Curso 2026/27 | Internacional | Presencial | 120 | 35 |
Escola Universitaria de Deseño Industrial (EUDI)
| Nome | Tipo | Modalidade | Créditos | Prazas |
| Máster Universitario en Deseño Industrial | Presencial | 60 | 20 |
Facultade de Ciencias do Traballo (FCT)
| Nome | Tipo | Modalidade | Créditos | Prazas |
| Máster Universitario en Prevención de Riscos Laborais e Riscos Comúns | Presencial | 60 | 40 | |
| Máster Universitario en Xestión e Dirección Laboral | Interuniversitario | Presencial | 60 | 30 |
Facultade de Humanidades e Documentación (FHD)
| Nome | Tipo | Modalidade | Créditos | Prazas |
| Máster Universitario en Estudos Avanzados en Museos, Arquivos e Bibliotecas | Presencial | 60 | 20 | |
| Máster Universitario en Arqueoloxía e Ciencias da Antigüidade | Interuniversitario | Presencial |