A presidenta provincial do PP de Lugo, Elena Candia, comparte cos alcaldes e representantes da zona sur da provincia o seu apoio á candidatura ‘Ribeira Sacra: Paisaxe da auga’, a única de España, a Patrimonio Mundial pola UNESCO.
Durante unha reunión de traballo celebrada en Monforte de Lemos na que participaron alcaldes, portavoces, membros da dirección provincial e representantes do Partido Popular nas distintas institucións; Candia amosou a súa confianza en que “o traballo coordinado entre as administracións, colectivos e cidadáns” xunto ao papel do Goberno nesta última fase para reforzar o apoio internacional á candidatura “se traduza nun merecido recoñecemento para a Ribeira Sacra”.
A popular lembrou as singularidades da paisaxe que deu lugar á viticultura heroica, así coma o importante patrimonio románico da Ribeira Sacra. Precisamente, estas son algunhas das fortalezas da candidatura que abrangue 26 concellos das provincias de Lugo e Ourense.
O propio informe do Icomos pon en valor as calidades paisaxísticas e a longa historia de interacción entre persoas, auga e paisaxe, onde destacan elementos como os socalcos, as cavaduras ou os muíños. Tamén destaca as iniciativas de turismo sustentable e recoñece a gobernanza colaborativa e a coordinación institucional.
IMPLICACIÓN DOS ALCALDES
A presidenta popular subliñou a “implicación dos alcaldes” e “o apoio dos portavoces e representantes do Partido Popular” a esta candidatura que “reflicten a súa implicación co territorio e coa provincia”. Así mesmo, puxo en valor “o traballo coordinado” que, segundo remarcou, é “un sinal de identidade do noso proxecto político”.
O PP provincial está a manter reunións cos representantes nas distintas zonas da provincia dentro das súas actividades periódicas. Despois da xuntanza celebrada tamén na zona centro de Lugo, está previsto un novo encontro de traballo na zona norte antes do período estival.