O Concello de Lugo e o sector do taxi pactan impulsar o servizo rural e ampliar a flota de vehículos adaptados

A alcaldesa de Lugo, Elena Candia, mantivo hoxe un encontro de traballo co sector do taxi co obxectivo de deseñar unha estratexia conxunta para mellorar a mobilidade, tanto na contorna urbana como no rural. A reunión marcou o inicio dunha vía de colaboración permanente centrada en dous eixos fundamentais: a consolidación do taxi a demanda e a actualización das licenzas municipais, priorizando a accesibilidade.

Aposta polo rural e a accesibilidade

Durante a reunión, ambas as partes coincidiron na necesidade de reforzar o taxi a demanda, un servizo que xa está a dar resultados positivos, rexistrando entre febreiro e maio un total de 241 desprazamentos cun investimento municipal de case 4.000 euros. «Vivir no rural non pode supoñer unha limitación para acceder aos servizos básicos. O noso obxectivo é garantir a conectividade de todas as parroquias«, sinalou Candia.

Ademais, o Concello abrirá unha análise sobre o número de licenzas actual, 69 en total, para avaliar un posible incremento. O foco principal deste estudo será a incorporación de máis vehículos adaptados, xa que, na actualidade, só tres das licenzas existentes contan con esta característica. Con esta medida, o goberno municipal busca garantir que Lugo sexa unha cidade plenamente accesible para todas as persoas con mobilidade reducida.

Mesa de traballo permanente

Como froito deste encontro, constituirase unha mesa de traballo técnica que servirá como foro de diálogo constante. O propósito é analizar a situación actual do sector e detectar posibles melloras que permitan á administración pública responder con rapidez ás demandas da cidadanía.

«O mellor xeito de mellorar os servizos públicos é escoitando a quen os presta e a quen os utiliza cada día«, concluíu a alcaldesa, agradecendo a disposición do colectivo do taxi para traballar conxuntamente nun servizo que define como esencial para a cohesión social do municipio.

Comparte éste artículo
No hay comentarios