Carmela López vindica en Meira a memoria e as tradicións do rural galego

A Presidenta da Deputación de Lugo, Carmela López, asistiu este domingo á última xornada da XXXIV Festa da Malla de Meira, unha cita declarada de Festa de Interese Turístico de Galicia que se celebrou ao longo desta fin de semana e que reuniu a milleiros de persoas.

Carmela López recalcou que “a Festa da Malla é un exemplo da importancia de manter vivas as nosas tradicións, preservar a memoria dos nosos concellos e transmitir ás novas xeracións aquilo que forma parte da nosa identidade”. Así mesmo, a mandataria provincial recordou o compromiso que mantén a institución provincial con este Concello “so neste ano aprobamos 400.000€ para colaborar con servizos públicos básicos que son fundamentais para garantir a calidade de vida das veciñas e veciños e para seguir fortalecendo os concellos do rural”.

Esta cita, posta en marcha en 1992 por un grupo de veciños e veciñas de Meira, deu posteriormente lugar á creación da Asociación de Amigos da Malla, coa finalidade de recuperar, preservar e poñer en valor este tradicional oficio e manter viva a memoria das labores agrícolas propias da contorna. A programación desta trixésimo cuarta edición incluíu a proxección dun documental, obradoiros de pan, actuacións musicais, exposicións de maquinaria antiga e artesanía, así como obradoiros para os máis cativos.

Comparte éste artículo
No hay comentarios