O BNG de Lugo organiza o vindeiro martes un acto arredor da figura de Moncho Reboiras

O BNG de Lugo organiza o próximo martes, 30 de xuño, un acto arredor da figura de Moncho Reboiras, coincidindo co ano de conmemoración do 50 aniversario do seu asasinato. O acto terá lugar ás 19:30 horas na rúa Soto Freire, xunto ao busto dedicado ao histórico militante nacionalista, e contará coa presenza do escritor e político Lois Diéguez.

A formación nacionalista quere reivindicar a memoria e o legado de Moncho Reboiras, recoñecido oficialmente en 2009 como vítima do franquismo e considerado a última persoa asasinada pola ditadura en Galiza. Ademais do seu compromiso coa liberdade e os dereitos democráticos, o BNG destaca o seu papel como figura clave na organización da clase traballadora galega e na creación do Sindicato Obreiro Galego, organización antecesora da CIG.

Rubén Arroxo: “O Partido Popular pretende silenciar a imaxe dunha persoa represaliada polo franquismo e borrar espazos de memoria democrática”

Rubén Arroxo afirmou que “fronte aos intentos de borrar a memoria democrática, é máis necesario que nunca reivindicar a figura de Moncho Reboiras e de todas as persoas represaliadas polo franquismo”. Neste sentido, criticou a iniciativa presentada polo Partido Popular no Parlamento galego para instar á retirada das figuras de lembranza a Moncho Reboiras instaladas en distintas cidades galegas.

“O Partido Popular pretende silenciar a imaxe dunha persoa represaliada polo franquismo cunha proposta que é contraria á recuperación da memoria histórica”, sinalou Arroxo, quen engadiu que “estamos a ver a facción máis franquista e reaccionaria do PP, que pretende eliminar o recoñecemento ás vítimas da ditadura e aos espazos de memoria que as lembran”.

Comparte éste artículo
No hay comentarios