O PPdeG denuncia que o PSOE “oculta” o verdadeiro alcance da Lei 10/2022, do 6 de setembro, de garantía integral da liberdade sexual, máis coñecida como Lei do ‘solo sí es sí’, co “único” obxectivo de “protexer a Pedro Sánchez”, coa complicidade do BNG. “Cando o Goberno deixa de informar sobre o impacto dunha lei de tal magnitude non está a protexer ás vítimas, estase a protexer a si mesmo e protexendo ao presidente do Goberno”, denunciou a senadora galega Nidia Arévalo esta semana na Comisión de Seguimento e Avaliación das Estratexias acordadas polo Senado dentro do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero.
A senadora do PPdeG foi a encargada de defender unha moción do Grupo Parlamentario Popular que insta ao Goberno a publicar de xeito urxente, completo e actualizado o número total de revisións de condena, rebaixas de pena e excarceracións producidas pola devandita lei. Ademais, pedíuselle ao Executivo central que recoñeza de forma expresa o dano institucional, xurídico e social causado, así como aprobar e poñer en marcha un plan integral de protección ás vítimas afectadas e garantir a plena aplicación do Estatuto da Vítima do Delito, sen esquecer o reforzo da actuación das Oficinas de Asistencia ás Vítimas.
A moción foi rexeitada polo PSOE, mentres que o BNG -socio no Goberno central- nin sequera tomou parte na votación. Nesta liña, a senadora popular cualificou de “brindes ao sol” as emendas presentadas polos socialistas e censurou a súa actitude: “Debería caérselles a cara de vergoña de non aceptar a moción. Está claro que o único que lles importa é protexer a Sánchez. Son o peor goberno para as mulleres do noso país”.
De feito, esta moción -aprobada cos votos a favor do PP- nace ante a falta de actualización de datos dende novembro de 2023, momento no que se deixa de dar conta do número de violadores e pederastas beneficiados pola Lei do ‘solo sí es sí’,
A data de 1 de novembro de 2023, segundo os datos recadados polo Consello Xeral do Poder Xudicial, xa se produciran 1.233 rebaixas de pena e 126 excarceracións como consecuencia da Lei do ‘solo sí es sí’. Dende entón, o Goberno negouse a facilitar nova información ao respecto, tal e como expón o Grupo Parlamentario Popular. Unha “anomalía democrática” que “o PP non pode aceptar”, advertiu Arévalo, quen subliñou que “hai unha realidade que non se pode ocultar, que é a realidade das vítimas”, as cales o Goberno “deixou á súa sorte”.
“CADA REBAIXA DE CONDENA É UNHA FERIDA QUE SE ABRE”
Precisamente, a moción presentada polos populares na Cámara Alta pon o foco na “revitimización” causada pola Lei do ‘solo sí es sí’, que “resulta especialmente dolorosa cando afecta a menores abusadas ou a mulleres que confiaban en que a firmeza da condena representaba, polo menos en parte, unha resposta de xustiza”. “Cada rebaixa de condena non é só unha decisión xurídica, é unha ferida que se abre, un medo que volve e unha desprotección que se repite”, incidiu Nidia Arévalo.
Fronte a un Goberno que “unha vez máis” está “tapando as súas chapuzas”, mentres as vítimas continúan “esperando a que se recoñeza o erro, se pida perdón e se lles poña no centro”, o PPdeG insistirá “as veces que sexan necesarias” en que se dean a coñecer os datos de excarceracións e rebaixas de condenas. “O Partido Popular non se vai cansar de defender o que é xusto, de apoiar ás vítimas e de esixir transparencia. Este asunto non se pecha, non se esquece e non se tapa”, concluíu a senadora galega.