CNT: «O servizo esencial do SPIF, bloqueado polos atrasos na selección de persoal da Consellería do Medio Rural»

A Consellería do Medio Rural e a Dirección Xeral de Función Pública continúan acumulando atrasos nos procesos selectivos vinculados ao Servizo de Prevención e Defensa Contra os Incendios Forestais (SPIF), unha situación que está a provocar a demora na cobertura de numerosas prazas e a xerar unha crecente preocupación entre o persoal e as persoas aspirantes.

Por unha banda, seguen sen concluír os procesos derivados da estabilización do emprego público. A día de hoxe, permanecen sen resolver as fases de resultas e de nomeamento das persoas aprobadas en diferentes categorías, o que mantén vacantes numerosas prazas sen cubrir de maneira definitiva.

Esta falta de resolución dificulta a planificación dos recursos humanos dun servizo fundamental para a protección do monte galego e a loita contra os incendios forestais.

A esta situación súmanse os atrasos nos procesos selectivos convocados para a cobertura de novas prazas. O pasado 15 de maio celebráronse os exames correspondentes a 29 prazas da categoría de Bombeiro Forestal Xefe de Brigada e a 199 prazas da categoría de Bombeiro Forestal. Porén, transcorrido máis dun mes desde a realización das probas, as persoas aspirantes aínda descoñecen as cualificacións obtidas e tampouco foi anunciada a data de realización do terceiro exercicio.

Esta demora resulta especialmente preocupante tendo en conta que as propias bases da convocatoria establecen que o terceiro exercicio debería celebrarse antes do 13 de xullo, un prazo que se achega sen que a Administración teña facilitado información oficial sobre o avance do proceso.

Desde a CNT considérase imprescindible que a Xunta de Galicia adopte medidas urxentes para desbloquear tanto os procesos de estabilización como as convocatorias actualmente en marcha, garantindo a máxima transparencia, o cumprimento dos prazos establecidos e a cobertura efectiva das vacantes existentes.

A falta de axilidade administrativa está a afectar tanto ás persoas aspirantes como á organización dun servizo esencial para Galicia, precisamente nun momento no que a prevención e defensa contra os incendios forestais require da máxima dispoñibilidade de efectivos e dunha planificación adecuada dos recursos humanos.

Etiquetas
Comparte éste artículo
No hay comentarios