Os senadores lucenses denuncian que o Ministerio incumpriu todos os prazos comprometidos e reclaman explicacións polos modificados do último tramo entre Melide e Arzúa e polo novo calendario dunha infraestrutura «eterna».
Os senadores lucenses do Partido Popular -José Manuel Barreiro, José Manuel Balseiro e Juan Serrano- volverán levar ao Senado os continuos incumprimentos do Goberno de España nas obras da autovía Lugo-Santiago (A-54), tras constatar que o Ministerio de Transportes continúa sen fixar unha data para a apertura do último tramo pendente entre Melide e Arzúa, imprescindible para completar a conexión por autovía entre Lugo e Santiago.
Os populares denuncian que o Executivo de Pedro Sánchez «incumpriu sistematicamente todos os prazos que foi anunciando ao longo dos últimos anos», sen ofrecer explicación ningunha aos lucenses nin asumir responsabilidades polos continuos atrasos que acumula unha das infraestruturas máis demandadas da provincia.
Por este motivo, rexistraron unha nova batería de preguntas parlamentarias para obrigar ao Ministerio a aclarar «o que leva demasiado tempo ocultando». En concreto, reclaman coñecer que razóns técnicas, administrativas ou contractuais continúan impedindo a finalización das obras e cal é a nova data que manexa o Goberno para a súa posta en servizo.
Os senadores populares consideran «inaceptable» que, despois de tantos anuncios incumpridos, o Ministerio siga sen ser capaz de ofrecer un calendario fiable para a apertura da autovía. «Lugo leva anos escoitando promesas que nunca se cumpren. Xa non abondan as escusas: os lucenses merecen saber que está pasando e cando rematará realmente esta obra», sinalan.
Ademais, o PP tamén pide explicacións sobre os sucesivos cambios introducidos no proxecto do último tramo da A-54 entre Melide e Arzúa. En concreto, solicita ao Goberno que detalle cantos proxectos modificados ou modificacións contractuais foron aprobadas desde xuño de 2018, cal foi o seu contido e que impacto tiveron tanto no prazo de execución como no custo da actuación.
Os populares lembran que os modificados dun proxecto poden condicionar de maneira decisiva o desenvolvemento das obras e consideran imprescindible que o Ministerio dea conta de como influíron na acumulación de atrasos que sofre esta infraestrutura.
«O Goberno de Sánchez converteu a A-54 nun exemplo máis da súa política de promesas incumpridas coa provincia de Lugo. Cada prazo anunciado acabou sendo papel mollado e, mentres tanto, Lugo continúa esperando pola única autovía que debe unir a provincia con Santiago», conclúen os senadores lucenses, que advirten de que seguirán esixindo transparencia e responsabilidades ata que a infraestrutura sexa unha realidade.