O noveno ciclo Elas Son Artistas segue a súa programación durante o verán. Este venres día 3 de xullo a cita será en Arteixo coa actuación da artista mugardesa Sofía Espiñeira en formato trio. Será as 20:30 horas no auditorio exterior do Paseo Fluvial de Arteixo con acceso libre e gratuito.
Artesá de cancións, creadora e artista multidisciplinar, as súas composicións combinan o latexo das músicas do mundo coa canción de autora máis espida. Presenta agora o seu novo disco, “Xeografías” , un relato que fala de travesías utópicas, de raíces, de fronteiras e éxodos; temas universais que nos atravesan dende o máis íntimo ata o comunitario e o político. Ao vivo, Ailén Kendelman na percusión e Yudit Almeida no contrabaixo completan este trío acústico que explora as sonoridades e as rítmicas da raíz galega e a latinoamericana.
Ademáis, a vindeira semana a cita será na Casa Museo Picasso da Coruña. A artista Mónica Coto ofrece un Obradorio de creatividade, pintura e collage os días 8 e 9 de 17:30 a 19:30. As persoas que se inscriban gratuitamente enviando un correo a elassonartistas@gmail.com deben asistir os dous días. As prazas son moi limitadas para poder sacarlle partido a actividade.
E xa o día 15 na Praza de Azcárraga a actuación musical a cargo de Mäbu ás 20:15 coa pintura en directo tamén de Mónica Coto. Non será a última actividade de xullo, pero xa desvelaremos o que queda.
As actividades son gratuitas grazas aos Concellos de A Coruña e Arteixo, así como a colaboración da área de Igualdade da Xunta de Galicia e empresas como Citanias.
Sofía Espiñeira. Fotografía de Óscar Górriz