O Conservatorio Superior de Música de Vigo podería recortar un 40 % o seu horario

O alumnado do Conservatorio Superior de Música de Vigo está en perigo de perder máis do 40% do seu horario de apertura tras a publicación da última modificación da Relación de Postos de Traballo (RPT) do centro por parte da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades. Esta decisión podería provocar que o horario de apertura do conservatorio pase das actuais 14 horas diarias a tan só 7 horas, comprometendo gravemente o funcionamento ordinario do único centro público de ensinanzas artísticas superiores de música do sur de Galicia.

Esta redución podería supor a perda de 30 das 70 horas semanais de apertura, afectando directamente á docencia, ao estudo e ás actividades culturais organizadas polo centro, como o Festival Nas Ondas. O impacto sería especialmente grave para o alumnado de percusión e piano, xa que a maioría non dispón destes instrumentos nas súas vivendas e depende das instalacións do conservatorio para poder estudar.

Esta decisión non constitúe un feito illado: enmárcase nunha política continuada de recortes da Xunta de Galicia na educación e nos servizos públicos, que afecta a distintos ámbitos e que compromete os servizos públicos e o ensino superior artístico.

O alumnado tamén lamenta a falta de diálogo institucional: Ana Ortiz, delegada da Xunta en Vigo, rexeitou manter unha reunión cos representantes do alumnado, unha decisión que consideran representativa da actitude da administración fronte ás preocupacións expresadas pola comunidade educativa.

O CSMVigo desempeña un papel esencial como único centro público de ensinanzas artísticas superiores de música da provincia de Pontevedra e como referencia cultural para todo o sur de Galicia. A súa labor vai máis alá da formación académica, sendo un pilar fundamental na vida cultural musical da contorna. A redución de recursos humanos e das horas de apertura contribúe a agravar o desequilibrio territorial existente entre o norte e o sur de Galicia en materia de oferta cultural e educativa.

Co obxectivo de evitar que esta medida se leve a cabo e de recadar apoio social, o alumnado iniciou unha campaña de recollida de sinaturas a través da plataforma Change.org, ao tempo que continúa traballando con representantes do profesorado e organizacións sindicais para defender o mantemento do servizo público.

No Pleno do Concello de Vigo celebrado o 29 de xuño de 2026 debateuse unha moción presentada polo Grupo Municipal Socialista en apoio ao Conservatorio Superior de Música de Vigo. Durante o debate, o Grupo Municipal Socialista defendeu o mantemento da totalidade dos postos de traballo do centro, mentres que o BNG cualificou a amortización de prazas como «un grave exercicio de irresponsabilidade e unha perda irreparable de talento creativo«. A moción foi aprobada por maioría, con 20 votos a favor e 5 abstencións, reflectindo un amplo apoio institucional á defensa do conservatorio.

Así mesmo, cómpre lembrar que xa no mes de marzo, durante unha sondaxe informal mantida cunha inspectora, se apuntou a posibilidade de reducir postos de traballo. No entanto, a comunidade educativa non recibiu ningunha comunicación oficial sobre esta decisión ata o último momento.

A comunidade educativa denuncia igualmente a persistente indefinición da Xunta sobre a natureza institucional do Conservatorio Superior de Música de Vigo. A administración non aclara se o centro debe ser tratado como unha ensinanza de secundaria, universitaria ou doutra natureza específica, unha falta de criterio que se reflicte directamente na planificación e dimensionamento do seu persoal e dos recursos necesarios para garantir un funcionamento adecuado.

O alumnado solicita á Xunta de Galicia a revisión inmediata desta modificación da RPT, a apertura dun proceso de diálogo real coa comunidade educativa e a adopción das medidas necesarias para garantir o funcionamento normal do Conservatorio Superior de Música de Vigo, unha institución imprescindible para o desenvolvemento educativo, artístico e cultural do sur de Galicia.

Comparte éste artículo
No hay comentarios