O BNG de Lugo criticou a «falta de planificación» do Partido Popular despois de trascender que a vindeira semana terán que retirar o pantalán do río Miño que o goberno de Candia anunciou como «praia fluvial», malia só contar con autorización temporal concedida á Federación Galega de Piragüismo para un evento deportivo que se celebrará esta fin de semana. O voceiro do BNG no Concello de Lugo, Rubén Arroxo, cualificou a actuación como “un exemplo máis da política de escaparate do Partido Popular”, sinalando que “no PP non están preparados para gobernar Lugo, cada día está a ser máis evidente”.
Desde o BNG denuncian que o anuncio da chamada “praia fluvial” foi “un exercicio de propaganda sen base planificación”, que xerou expectativas que agora quedan en nada coa retirada do patalán poucos días despois da súa instalación. “Non se poden empregar os recursos públicos para facer anuncios que só buscan unha foto”, dixo Arroxo. O BNG critica que o goberno local do PP «non ten proxecto para Lugo» e afirmou que «hoxe vemos un exemplo máis da incapacidade do PP para mellorar a calidade de vida da veciñanza”-
O BNG lembra que o Miño é un espazo de grande valor ambiental e social que require intervencións planificadas e aceptadas polas administracións implicadas, e reclama ao goberno municipal que «abandone a improvisación e traballe con responsabilidade». “Non se trata de facer anuncios chamativos, senón de construír unha cidade mellor para todas e todos”, concluíu Arroxo.