Entre o 5 e o 12 de xullo, A Coruña volverá ser a sede do ‘Orgullo do Norte’ para celebrar a sétima edición do Atlantic Pride. Será cunha proposta única e diversa que reúne descubrimento musical e nostalxia, novas voces e grandes himnos do pop interxeneracional, iconas que forman parte da memoria colectiva, talento e diversión drag e figuras galegas emerxentes que cada ano ocupan un lugar fundamental na programación do festival.
A xornada inaugural do Atlantic Pride chega este domingo, 5 de xullo, á Praza de Pontevedra da cidade herculina, entre ás 20.00 e ás 00.30 horas, con propostas que reúnen novo talento queer galego, aires de O.T. e provocación drag para inaugurar por todo o alto o festival, da man de Kika Lorace, raze, Jorge González e DJ Licho.
A encargada de abrir a noite contra ás 20.00 horas será a cantante, DJ e drag queen Kika Lorace, unha das grandes referentes da escena LGTBIQ+ estatal grazas ao seu estilo irreverente, festivo e reivindicativo. Converteu temas como Chueca es genial ou La reina del Grindr en auténticos himnos da cultura queer e participou en televisión e ficción, incluíndo Drag Race España e La que se avecina. En 2025 celebrou os seus quince anos de carreira co lanzamento do álbum Todo perfecto, que agora presentará en directo ante o público do Atlantic Pride.
Ás 21.30 horas, chegaralle a súa quenda a raze, artista multidisciplinar queer viguesa que destaca por unha proposta musical persoal, na que combina electrónica e organicidade cunha fonda carga lírica. O seu universo creativo abrangue música, movemento e imaxe, construíndo un proxecto artístico 360º de gran riqueza visual e dramatúrxica. Considerada unha das voces máis singulares do novo son do norte, continúa consolidando unha identidade propia e en constante evolución, como ben poderá comprobar este domingo a audiencia do Atlantic Pride.
Xa ás 22.30 horas, gozaremos da estrela televisiva Jorge González, cantante cunha destacada traxectoria musical, que participou, entre moitos outros, nos shows Operación Triunfo e La Voz. Foi gañador de Tu cara me suena, representou a España no Festival de Viña del Mar e acadou o posto de finalista do Benidorm Fest 2024 co tema Caliente. Sen lugar a dúbidas, o furor da súa voz non deixará indiferente a ninguén este domingo no ‘Orgullo do Norte’ coruñés.
Finalmente, DJ Licho será o encargado de pechar a noite ao pratos desde ás 23.30 horas cunha proposta chea de enerxía e nostalxia, a golpe de pop e dance dos 2000, nun set no que nunca faltan as Spice Girls, Britney Spears, Madonna ou Katy Perry, que alternará con outros éxitos da música urbana.
PROGRAMA POR DÍAS DO ATLANTIC PRIDE 2026
Domingo, 5 de xullo
Praza de Pontevedra
20.00h Kika Lorace
21.30h raze
22.30h Jorge González
23.30h DJ Licho
Luns, 6 de xullo
Praza de Pontevedra
20.00h Atlantic Drag!
22.00h Jonydasvie
23.15h DJ Cés
Martes, 7 de xullo
Praza de Pontevedra
20.00h Paola
20.45h Saia Santa
21.00h arde
22.00h Electra
22.30h Montedapena
23.30h Paola
Mércores, 8 de xullo
Praza de Pontevedra
20.00h Sasha Moon
20.30h Kim Miller
21.00h Alba Reche
22.30h Terrae DJ’s
Xoves, 9 de xullo
Xardíns de Méndez Núñez
20.30h DJ90
21.30h Entrega de premios: V Certame de Literatura LGTBIQ+ do Atlantic Pride
22.00h Azúcar Moreno
23.30h Whigfield
00.00h DJ90
Venres, 10 de xullo
Xardíns de Méndez Núñez
20.30h DJ Flashback
22.00h Julieta
23.15h Chloe Vittu + La Niña delantro
00.00h Miriam Rodríguez
01.30h Dennis Moore
Sábado, 11 de xullo
Xardíns de Méndez Núñez
20.30h DJ Licho
21.30h Tú peleas como una vaca
22.30h Pitita
23.00h Choriza May
00.00h Zahara Rave
01.30h Oro Jondo
Domingo, 12 de xullo
Xardíns de Méndez Núñez
19.30h Coro Cores
20.15h Ricky Merino
21.30h María Isabel
22.30h Soraya
23.30h DJ Flashback