Corte temporal da DP 8001 en Sobrado polas obras da nova ponte sobre o río Mandeo

A actuación, adxudicada por 1.271.178,80 euros, permitirá substituír a actual ponte por unha nova infraestrutura máis ampla e segura.

A Deputación da Coruña informa de que desde a pasada fin de semana permanece cortada ao tráfico a estrada DP 8001, de Cruces a Penablanca, no tramo das obras de construción da nova ponte sobre o río Mandeo, no punto quilométrico 3+100, no termo municipal de Sobrado.

O corte é necesario para proceder á demolición da ponte actual e executar a nova estrutura prevista no proxecto, polo que se manterá previsiblemente durante un prazo estimado de catro meses, ata finais de outubro de 2026. A Deputación sinalizou xa o itinerario alternativo para garantir unha axeitada mobilidade na zona mentres duren os traballos.

A actuación, adxudicada por 1.271.178,80 euros, permitirá mellorar de maneira importante este tramo da DP 8001 mediante a substitución da actual estrutura de paso, cunha calzada estreita, por unha nova ponte de vigas prefabricadas sobre estribos de formigón armado.

A nova infraestrutura contará cunha sección adaptada aos criterios das estradas provinciais, con dous carrís de 3,50 metros, beiravías e bermas de 0,50 metros, ademais dunha beirarrúa de 1,80 metros de ancho sobre a ponte para mellorar tamén a seguridade peonil.

Con esta obra, a Deputación dá continuidade ás actuacións de ancheamento e mellora da seguridade viaria xa executadas no resto deste vial, co obxectivo de ofrecer unha estrada máis segura, cómoda e adaptada ás necesidades de circulación da zona.

Comparte éste artículo
No hay comentarios