Ana Miranda alertou no Plenario do Parlamento Europeo sobre as novas evidencias científicas que amosan un avanzado estado de degradación nos máis de 200.000 bidóns con lixo radioactivo vertidos a 300 quilómetros ao noroeste de Fisterra.
A Eurodeputada do BNG, Ana Miranda, levou a ao Plenario do Parlamento Europeo en Estrasburgo a preocupación ante as evidencias científicas que mostran un avanzado estado de deterioro dos milleiros de bidóns con residuos radioactivos depositados na Foxa Atlántica, e advertiu ao Comisario europeo de Pesca e Océanos, Costas Kadis, sobre a potencial afectación medioambiental e na pesca.
Neste sentido, Ana Miranda exixiu actuacións urxentes á Comisión Europea para evitar o impacto nos ecosistemas mariños e na pesca galega.
Considera que Europa debe avaliar “a compatibilidade entre os residuos radioactivos e a saúde, a sustentabilidade e a seguranza dos nosos océanos, das zonas de pesca e das comunidades costeiras”. Ante esta situación, a Eurodeputada do BNG procedeu ao envío de cartas oficiais á Comisión Europea nas que demanda “accións concretas” na verificación sobre o estado dos bidóns, que Bruxelas cumpra coa súa obriga legal segundo o artigo 35 do Tratado de Euratom ao alentar e supervisar as misións científicas dos Estados membros, como España, e investigue o impacto e a compatibilidade dos bidóns na Foxa Atlántica coas normas europeas”.
As cartas remitíronse á Vicepresidenta Executiva da Comisión Europea, Teresa Ribera, responsábel para unha Transición Competitiva, Xusta e Limpa; pola Comisaria de Medio Ambiente, Jessika Roswall; polo Comisario de Pesca e Océanos, Costas Kadis; e o Comisario de Enerxía, Dan Jorgensen. Ana Miranda pon en cuestión que o vertido cumpra coa Estratexia para a Biodiversidade do 2030 da Unión Europea, a Directiva sobre a Estratexia Mariña, o Plan de Acción de Cero Contaminación e, en definitiva, co Pacto Verde Europeo.
Nas misivas, a eurodeputada do BNG lembra que nos últimos xa escribiu á Comisión Europea amosando a súa preocupación sobre os datos científicos que mostraban o deterioro dos bidóns radioactivos. No 2021, Bruxelas confirmou a Ana Miranda que participara nunha misión de verificación, sendo estes os últimos datos oficiais cos que contan as autoridades españolas e europeas. Agora, a representante do Bloque exixe “coñecer que novos pasos estuda adoptar a Comisión Europea”.
O BNG pide unha “reforma urxente” da Política Pesqueira Común
Ademais da súa actividade en relación cos vertidos radioactivos, Ana Miranda participou no debate do Plenario da Eurocámara sobre o estado da Política Pesqueira Común (PCP) e a avaliación emprendida por parte do Comisario de Pesca, Costas Kadis, “moi tímida e un desastre” á xuízo da Eurodeputada do BNG, recollendo as críticas e demandas do sector pesqueiro e mariscador galego.
O BNG e o grupo parlamentar de Os Verdes-Alianza Libre Europea defende que Europa garanta as competencias de pesca para Galiza, “o recoñecemento das confrarías a nivel europeo” para que sexan perceptoras de axudas europeas, e alertou sobre “a falta de axudas para o sector marisqueiro, que está a padecer unha grave crise ”debido á contaminación das rías, o quecemento das augas derivado do cambio climático e a falta de políticas de preservación medioambiental da Xunta de Galiza”.
…