O proxecto europeo FLUFET avanza cara ao desenvolvemento dun sistema pioneiro para a detección temperá de virus zoonóticos

Sete institucións de España, Italia, Portugal e Finlandia forman parte do Consorcio internacional que desenvolven o sistema grazas o financiamento dunha EIC Pathfinder.

O proxecto europeo FLUFET (FLow detection of virUses by graphene FieldEffect Transistor microarrays), coordinado polo investigador Ramón y Cajal, Alejandro Criado, do grupo Nanoself do Centro Interdisciplinar de Química e Bioloxía (CICA) da Universidade da Coruñacontinúa avanzando segundo a súa folla de ruta e manterá a súa actividade ata a súa finalización, prevista para o 31 de agosto de 2027.

A iniciativa sitúase nun ámbito cada vez máis estratéxico para a saúde públicaglobal: a detección temperá e a vixilancia continua de enfermidades zoonóticas, é dicir, infeccións capaces de transmitirse dos animais ás persoas. O aumento destas enfermidades nas últimas décadas, unido ao risco de aparición de novas pandemias, converte a súa monitorización nun dos grandes retos científicos e sanitarios actuais.

O obxectivo de FLUFET é desenvolver un dispositivo automatizado capaz de detectar de forma rápida e continua unha ampla variedade de virus, incluídos patóxenos descoñecidos ou emerxentes. Para conseguilo, o proxecto combina varias tecnoloxías punteiras nun único sistema integrado.

Entre estas tecnoloxías destacan uns sensores feitos con grafeno, un material de carbono tan fino que só ten un átomo de grosor, o que lle permite detectar cambios moi pequenos na súa contorna. Grazas a tratamentos químicos específicos, estes sensores poden detectar sinais que indican a presenza de distintos virus.

O sistema incorpora tecnoloxías de medición automatizada que permiten procesar mostras de maneira continua e eficiente, reducindo a necesidade de intervención humana e facilitando a súa utilización en contornas reais.

Nunha primeira fase, a tecnoloxía está orientada á súa aplicación en explotacións gandeiras, espazos considerados críticos para a vixilancia epidemiolóxica. Porén, as capacidades do sistema abren a porta a aplicacións moito máis amplas. O dispositivo médico portátil podería empregarse tamén como ferramenta de diagnóstico, contribuíndo á detección rápida de patóxenos responsables de crises sanitarias como as provocadas por hantavirus, ébola ou outros virus emerxentes.

O proxecto enmárcase dentro da estratexia internacional One Health, que promove unha visión integrada da saúde humana, animal e ambiental, recoñecendo a interdependencia entre estes tres ámbitos para afrontar os desafíos sanitarios do futuro.

FLUFET conta cun financiamento de 3,2 millóns de euros a través do Consello Europeo de Innovación (EIC) da Unión Europea e reúne un consorcio multidisciplinar formado por especialistas en nanotecnoloxía, viroloxía, microfluídica, biofísica computacional, enxeñaría de superficies e tecnoloxías de detección avanzada. Desde A Coruña, o grupo Nanoself lidera a coordinación científica do proxecto, consolidando o papel do CICA como centro de excelencia no desenvolvemento de novas ferramentas para a prevención de futuras ameazas sanitarias.

Comparte éste artículo
No hay comentarios