Besteiro celebra o arquivo definitivo de Altri: «Gaña Galicia e a xente que nunca se resignou»

O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, cualificou de «excelente» o arquivo definitivo do expediente da celulosa de Palas de Rei por parte da Consellería de Economía e Industria. «Gaña Galicia, a comarca da Ulloa e toda a xente que nunca se resignou a que lle impuxesen un proxecto que Galicia nin necesitaba nin quería», celebrou.

Os socialistas galegos levaban meses reclamando este peche despois de que o Goberno de España rexeitase o proxecto en tres ocasións. «Primeiro quedou fóra do Perte de descarbonización porque non descarbonizaba nada; logo sen axudas públicas porque non as merecía; e ao final sen conexión eléctrica porque a planificación estatal responde a criterios técnicos, non a operacións de propaganda. Foi un triplo non razoado», suliñou Besteiro.

O líder do PSdeG reprochou á Xunta que chegue a este punto «tarde, obrigada e sen recoñecer o dano que puido causar». Segundo Besteiro, o presidente autonómico «non enterra Altri por convicción, senón porque non lle queda outra». Criticou que o mesmo Executivo que «lle puxo alfombra vermella e declarou a planta como proxecto estratéxico», limítese agora a certificar a súa defunción «por falta de enchufe», sen ter en conta aos veciños da Ulloa.

Para Besteiro, este arquivo «non pecha as preguntas, senón que as abre».

Por iso, volveu esixir que se faga público o acordo que a Xunta asinou con Altri en 2021 a través de Impulsa Galicia, un documento que o PP vetou investigar no Parlamento. «Queremos saber que compromisos se adquiriron e se esta aposta falida lle vai custar cartos aos galegos. Se Rueda non ten nada que ocultar, que ensine eses papeis», reclamou.

Finalmente, o secretario xeral advertiu de que Greenfiber dispón dun mes para recorrer a resolución, polo que o PSdeG «seguirá enriba do asunto» para evitar que este ou outro proxecto similar se volva impoñer ás costas dos cidadáns. «Galicia necesita industria de verdade, con emprego de calidade e que respecte o territorio, non operacións propagandísticas deseñadas polo PP», concluíu.

Etiquetas
Comparte éste artículo
No hay comentarios