O senador mariñán do Partido Popular, José Manuel Balseiro, incide en que “o cuartel da Pontenova é un exemplo máis da política de abandono coa que o Goberno de Sánchez está debilitando a presenza da Garda Civil no rural lucense”.
Balseiro explica que este posto ten asignado no Catálogo 6 efectivos para dar servizo ao municipio e tamén aos concellos de Riotorto e Trabada. Pero, “na actualidade, só conta cun sarxento, un cabo e un oficial a media xornada. Polo tanto, ten sen cubrir preto dun 60% das prazas que lle corresponderían para ofrecer un servizo efectivo e de calidade”.
O senador mariñán advirte -acompañado pola portavoz local do Partido Popular, Conchita Novo, o alcalde de Riotorto, Clemente Iglesias, e o portavoz en Trabada, José María Fernández- que “o déficit de efectivos se debe á deixadez do Goberno de Sánchez” que demostra “unha falta de compromiso coa seguridade no rural”.
“A pesar de que o Ministro Marlaska presume de ter cuberto prazas na Garda Civil dende o 2018, a realidade de moitos concellos do rural lucenses é ben distinta. No cuartel da Pontenova estaban cubertas todas as prazas, pero agora non”, engade. Ademais, “no ano 2018 atendía ao público todos os días, mentres que na actualidade só atenden ao público unhas horas dous días á semana -martes e mércores-”.
Tendo en conta que un dos efectivos se ausentará en setembro para participar nunha acción formativa, “o posto da Garda Civil da Pontenova quedará aínda máis mermado e deixará de prestar servizos debido á falta de efectivos”, advirte.
Cada praza sen cubrir tradúcese en menos patrullas, máis tempo de resposta ante unha emerxencia e unha menor presenza preventiva nos municipios. É dicir, menos seguridade para os veciños da Pontenova, Riotorto e Trabada.
Os populares reclaman a cobertura da totalidade das prazas do Catálogo para garantir a seguridade cidadá e ofrecer unha atención próxima aos cidadáns destes municipios.
Balseiro advirte que “o PP non vai aceptar que se normalice o baleirado dos cuarteis da provincia e anuncia que continuará levando esta situación ao Senado ata que o Ministerio do Interior repoña todos os efectivos que lle corresponden á Pontenova e ao conxunto da provincia”.