A Deputación da Coruña achega máis de 215.000 euros para dotar Boqueixón de nova maquinaria de desbroce

A nova maquinaria permitirá reforzar o mantemento dos máis de 250 quilómetros de pistas municipais e mellorar a prevención de incendios.

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, e o alcalde de Boqueixón, Ovidio Rodeiro, asinaron hoxe no Pazo Provincial o convenio para financiar a adquisición dun novo equipamento profesional de desbroce para o municipio.

O investimento ascende a 269.272,07 euros, dos que a Deputación achegará 215.417,66 euros, o 80% do custo total. O Concello de Boqueixón asumirá os 53.854,41 euros restantes con fondos propios.

Valentín González Formoso destacou que esta colaboración permitirá “mellorar de maneira importante a capacidade do Concello para manter en boas condicións unha rede viaria municipal moi extensa e prestar un servizo máis áxil e eficaz á veciñanza”.

“O apoio aos concellos rurais pasa tamén por facilitarlles os medios necesarios para atender os seus servizos básicos”, afirmou o presidente provincial, que subliñou que o novo equipamento contribuirá a mellorar a seguridade viaria, conservar os accesos aos núcleos de poboación e reforzar a prevención dos incendios forestais.

Pola súa banda, Ovidio Rodeiro agradeceu a colaboración da Deputación nun investimento fundamental para un concello cun territorio amplo, unha poboación moi dispersa e máis de 250 quilómetros de pistas municipais. O alcalde explicou que a nova maquinaria permitirá realizar os traballos de roza con maior rapidez, seguridade e autonomía, reducir custos e prestar un mellor servizo en todas as parroquias.

Boqueixón conta cunha superficie de 73 quilómetros cadrados e cunha extensa rede de vías municipais que comunica numerosos núcleos rurais. A orografía do territorio e o elevado desgaste da maquinaria actualmente dispoñible, con tractores do ano 2010 que acumulan máis de 12.000 e 17.000 horas de uso, fan necesaria a incorporación dun equipamento máis moderno e especializado.

A actuación contempla a adquisición e posta en funcionamento dunha máquina autopropulsada con tracción 4×4, motor diésel dunha potencia mínima de 135 cabalos e transmisión hidrostática de variación continua. Contará cunha cabina homologada e climatizada, visión panorámica e diferentes sistemas de seguridade.

A máquina incorporará un brazo telescópico dianteiro cun alcance mínimo de 6,75 metros, que permitirá traballar no sentido da marcha e acceder con maior seguridade a noiros, cunetas e zonas de difícil acceso. Disporá tamén dun cabezal desbrozador cunha anchura mínima de 1,20 metros, unha pinza para cortar pólas de ata 20 centímetros de diámetro, unha barra de discos para a poda en altura e unha pinza para a recollida de herba.

A subministración incluirá o transporte, a posta a punto e a instalación do equipamento, así como a formación básica do persoal municipal para o seu manexo e mantemento. A nova maquinaria permitirá incrementar a capacidade operativa dos servizos municipais e actuar con maior rapidez durante os meses de maior crecemento da vexetación.

Comparte éste artículo
No hay comentarios