O Concello de Lugo aproba o texto do convenio convenio marco da FEGAMP, para conseguir un uso máis eficiente dos servizos públicos

A alcaldesa de Lugo, Elena Candia, anunciou que a  Xunta de Goberno Local aprobou hoxe o texto para a adhesión ao convenio marco impulsado pola FEGAMP e a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional para facilitar o uso das instalacións deportivas dos centros educativos fóra do horario lectivo e durante as fins de semana.

«A incorporación das instalacións deportivas dos centros educativos permitirá ampliar a oferta de espazos disponibles, ordenar mellor os espazos deportivos, aliviando a presión que soportan actualmente os equipamentos municipais», explicou.

A adhesión ao convenio marco permitirá que o Concello poida formalizar posteriormente os correspondentes acordos con cada centro educativo interesado, nos que se concretarán os espazos, horarios e condicións de utilización das instalacións deportivas fóra do horario escolar. Deste xeito, será posible desenvolver nelas actividades deportivas sempre garantindo que a actividade docente teña prioridade.

O Concello asumirá a organización das actividades autorizadas e as obrigas derivadas do seu uso, como a limpeza das instalacións tras a súa utilización e a colaboración nos gastos de mantemento previstos no convenio

Reuqire un orden y organización Permitirá poñer a disposición dos clubes máis horas para entrenamntos e competicións. O goberno municipal da este paso previa consulta feita coas entiades deportivas o pasado 30 de xuño. Tras validar hoxe o documento se empezará a traballar para conseguir un uso máis eficiente dos servizos públicos.

«Non tiña sentido que, mentres os clubs reclamaban máis espazos para adestrar e competir, instalacións deportivas públicas permanecesen pechadas durante as tardes, as fins de semana ou os períodos non lectivos. Con este acordo damos resposta a unha demanda histórica do deporte lucense e avanzamos nunha cidade que aproveita mellor os seus recursos públicos», afirmou.

A alcaldesa concluíu sinalando que o obxectivo do Goberno municipal é que os primeiros acordos cos centros educativos poidan formalizarse nas próximas semanas para que estas instalacións estean dispoñibles o antes posible.

Convenio Protectora Animais

A semana pasada anunciamos que se asinaba o informe proposta para a reforma e ampliación da Protectora e tamén dábamos conta do acordo acadado coas diferentes administracións. Hoxe aprobamos o convenio dun proxecto histórico para impulsar as obras do albergue de Muxa, cun investimento de 744.436,09 euros financiado a partes iguais por Concello, Xunta e Deputación

As obras comezarán este verán. A previsión é executar e xustificar unha primeira fase antes do 31 de decembro de 2026, continuando ao longo de 2027 co desenvolvemento do resto da actuación.

O proxecto permitirá acometer a legalización, reforma e ampliación das actuais instalacións da Protectora, mellorando os espazos de aloxamento dos animais, o seu manexo e a atención veterinaria, ademais de adaptar o centro ás esixencias da normativa vixente.

Licitación dun contrato de 400.000 euros para mellorar o mantemento das rúas de Lugo

A Xunta de Goberno Local aprobou hoxe os pregos técnicos e administrativos para licitar, mediante procedemento aberto, o novo contrato de mantemento e conservación das vías públicas da zona urbana de Lugo, autorizando un gasto de 400.000 euros. (Duplicando o importe que tiña o anterior goberno para esta actuación).

O novo contrato supón un importante reforzo do investimento municipal neste servizo, ao incrementar de forma moi significativa a contía destinada ao mantemento das rúas da cidade respecto ao contrato anterior, reafirmando a aposta do Goberno municipal por mellorar o estado da vía pública e responder con maior rapidez ás necesidades de conservación.

O contrato estrutúrase en dous lotes. O primeiro, cun importe de 250.000 euros, permitirá acometer actuacións de mantemento e conservación en todo tipo de pavimentos das vías públicas urbanas, incluídas as beirarrúas e os firmes do Casco Histórico. O segundo lote, dotado con 150.000 euros, estará destinado especificamente ao mantemento e reparación dos pavimentos de formigón asfáltico, permitindo actuar con maior axilidade nas rúas asfaltadas da cidade.

A duración inicial do contrato será dun ano, con posibilidade de prórroga por períodos anuais ata un máximo de tres anos.

A posta en marcha desta licitación permitirá recuperar un servizo esencial para o mantemento da cidade, despois de que o anterior contrato quedase sen continuidade ao non formalizarse a súa prórroga antes do cambio de Goberno. Esta situación limitou durante os últimos meses a capacidade do Concello para acometer actuacións ordinarias de conservación da vía pública.

Outros acordos

– Contratación da produción e da dotación técnica necesaria para garantir a apertura, atención ao público, iluminación, son e o correcto desenvolvemento das actividades que se programen no Auditorio Municipal Fuxan os Ventos. O contrato, por un importe de 158.981 euros, foi adxudicado ás empresas Escoítame Produccións e Thinking Up Events, que se encargarán da prestación destes servizos.

– Así mesmo, acordouse a adxudicación da concesión demanial para o uso privativo e explotación da cafetería da piscina municipal das Pedreiras á empresa Froxán Cafetería. A concesión terá unha duración de 15 anos e establece un canon mensual de 3.017 euros, o que supón un ingreso anual para o Concello de 36.207,98 euros.

– Por outra banda, a Xunta de Goberno Local deu luz verde ao inicio da tramitación do expediente para a contratación do subministro de útiles e ferramentas destinados aos traballos de mantemento do Cemiterio Municipal de San Froilán. O contrato conta cun orzamento de 3.837 euros, terá unha duración inicial dun ano e poderá prorrogarse por períodos anuais ata un máximo de tres anos.

– Contratación dun crédito a longo prazo para executar investiemntos previstos en 2026 por un importe de 17.858.000 €.

– Con respecto ao servizo de conciliación Aprende Xogando acordouse aplicar unha redución da ratio pasando de 1/15 alumnos a 1/10 o que mellorar a atención persoalizada do alumnado.

Persoal

A Xunta de Goberno Local adoptou hoxe varios acordos en materia de persoal encamiñados a seguir reforzando a organización interna do Concello e avanzar na mellora da atención que se presta á cidadanía.

Neste sentido, aprobouse a cobertura temporal, en comisión de servizos, do posto de xefe do Servizo de Persoal, que será desempeñado por Iván Fernández Araujo, así como do posto de xefa do Servizo de Participación e Atención Cidadá, que ocupará Gemma M. Vázquez Rey.

Así mesmo, a Xunta de Goberno Local deu luz verde ás bases e á convocatoria para a provisión do posto de xefe/a do Servizo de Urbanismo, mediante o sistema de libre designación.

No ámbito da seguridade cidadá, tamén se aprobaron as bases específicas que rexerán o proceso de provisión, polo sistema de mobilidade, de tres prazas de Policía Local, correspondentes á Oferta de Emprego Público de 2026.

Con estes acordos, o Goberno municipal continúa avanzando no reforzo da estrutura organizativa do Concello, co obxectivo de dotar aos servizos municipais dos recursos humanos necesarios para ofrecer unha atención máis áxil, eficaz e próxima á veciñanza.

Comparte éste artículo
No hay comentarios