Ramallo anima á promoción da Escola Naval que se gradúa este Carme a que “volvan sempre que queiran a Marín”

Como xa é tradición, a alcaldesa recibiu no Salón de Plenos catro anos despois ao alumnado que o xoves recibiráos os Reais Despachos para iniciar a súa traxectoria como Oficiais da Armada Española.

Despois de catro anos vivindo unha formación académica e militar intensa, este Día do Carme 126 alumnos e alumnas da Escola Naval Militar recollerán os Reais Despachos, nunha graduación única que será o pistoletazo de saída para a súa traxectoria como Oficiais da Armada Española.

Como xa é tradición, hoxe, a alcaldesa, María Ramallo, recibiu ao pelotón de alumnos e alumnas desta promoción para darlles unha calorosa despedida desde o Concello de Marín. Unha despedida que non é tal, “porque agora estaredes pendentes dos vosos destinos, pero vaiades onde vaiades, eu anímovos a que veñades de novo a Marín, onde sempre estaremos encantados de recibirvos”.

A rexedora destacou a importancia que ten a sinerxia que se crea entre “a nosa Universidade” e a vila marinense e desexou aos alumnos e alumnas a mellor das sortes nesta nova andadura, “onde parte da defensa do noso país queda nas vosas mans”.

Ao finalizar a recepción, o pelotón fíxose a tradicional fotografía de grupo na escalinata do Concello, catro anos despois desa primeira instantánea que retrataba o inicio do seu paso por Marín, que hoxe, polo menos de xeito transitorio, remata.

Comparte éste artículo
No hay comentarios