A chuviosa Galicia da Idade do Xeo, caracterizada a partir da análise paleoecolóxica da fauna do xacemento arqueolóxico de Cova Eirós

Un estudo da USC identifica as serras orientais galegas como un área de refuxio climático estable en tempos dos derradeiros neandertais e os primeiros Homosapiens de Galicia.

Unha nova investigación realizada no xacemento de Cova Eirós (Cancelo, Triacastela, Lugo) permite afondar no coñecemento sobre o clima e o ambiente nos que viviron os derradeiros neandertais e os primeiros Homosapiens de Galicia e identificar as serras orientais galegas como un área de refuxio climático estable no tempo. 

O estudo, liderado por Hugo Bal García, do Grupo de Estudos para a Prehistoria do Noroeste – Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio (GEPN-AAT) da USC e do Centro de Investigación Interuniversitario das Paisaxes Atlánticas e Culturais (CISPAC), consistiu na análise zooarqueolóxica dos niveis 3, 2 e 1 do xacemento, os cales representan unha cronoloxía de entre 41,000 e 17,000 anos. Durante este amplo período, déronse ocupacións tanto dos últimos neandertais (nivel 3) como distintas fases de ocupación dos primeiros Homo sapiens que chegan ao noroeste peninsular (niveis 2 e 1), polo que a investigación permitiu comparar como evolucionou o medio ao que se enfrontaron as nosas e os nosos antepasados.

Mediante a identificación taxonómica de máis de 400 animais de polo menos 36 especies distintas e a aplicación de modelos paleoecolóxicos, foi posible inferir o tipo de vexetación presente no entorno inmediato da cavidade e estimar a temperatura e as precipitacións aproximadas para cada un dos tres niveis analizados. Entre os resultados destaca a identificación dunha Galicia moito máis fría que na actualidade, cun descenso de ata 3,6 ºC na temperatura media anual. Non obstante, a pesar das baixas temperaturas, o réxime de precipitacións mantívose relativamente elevado, con estimacións por riba dos 1000 mm anuais en todos os niveis. 

A tendencia, sen embargo, mostra que ó longo da Idade do Xeo o territorio foise atemperando progresivamente e recibindo maiores precipitacións, sempre nun marco dun entorno relativamente arborado intercalado con extensas pradarías húmidas. Estes elementos permiten situar as serras orientais de Galicia como unha potencial área de refuxio climático, un entorno cunhas condicións de temperatura, humidade e vexetación propicias para o mantemento de comunidades de cazadores-recolectores na zona.  

Na investigación, publicada na revista PalaeogeographyPalaeoclimatologyPalaeoecology, colaboraron ademais Iván Rey Rodríguez (UVIGO), Carlos Fernández Rodríguez (ULE), Mikel Díaz Rodríguez (UVIGO/CISPAC), Álvaro Ibáñez Encinas(USC/CISPAC), Tania Mosquera Castro (USC/CISPAC), Arturo de Lombera Hermida (UNIOVI), Xosé Pedro Rodríguez Álvarez (URV/IPHES) e Ramón Fábregas Valcarce (USC/CISPAC).

O artigo ‘Palaeoecological dynamics during the Middle and Upper Palaeolithic inNorthwest Iberia: The Cova Eirós archaeological site’ enmárcase no proxecto Dinámicas poblacionales y tecnológicas durante el Pleistoceno final-Holoceno de las Sierras Orientales del Noroeste ibérico 2 financiado por MICIU/AEI /10.13039/501100011033 y por FEDER, UE. As intervencións arqueolóxicas en Cova Eirós contan con financiación da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude da Xunta de Galicia.

Comparte éste artículo
No hay comentarios