A Deputación da Coruña impulsa a nova sede de ASPANAES na Coruña, que permite ampliar a atención ás persoas con autismo e ás súas familias

Formoso destaca que o novo centro permitirá ofrecer unha atención especializada e adaptada a máis de 300 persoas con autismo e ás súas familias das comarcas da Coruña, Betanzos e Bergantiños.

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, participou hoxe na inauguración da nova sede de ASPANAES na cidade da Coruña, xunto coa concelleira de Servizos Sociais da Coruña, Nereida Canosa, o presidente da entidade, Ignacio Labella, a vicepresidenta, Mercedes Fernández, o director xerente, Daniel Viéitez, e a directora técnica dos Servizos de Promoción da Autonomía Persoal, Raquel Fernández, entre outros.

O novo centro, impulsado co apoio económico da Deputación, permitirá ampliar e mellorar a atención ás persoas con autismo e ás súas familias das comarcas da Coruña, Betanzos e Bergantiños.

A Deputación investiu 261.360 euros na adquisición do local, o 80% do investimento total de 326.700 euros. O novo centro, situado no entrechán da Torre Helios, na contorna de Espacio Coruña, conta con 510 metros cadrados adaptados ás necesidades da entidade.

Formoso destacou a satisfacción de regresar a un espazo que visitara xa o pasado mes de abril durante as obras de acondicionamento e velo xa convertido nunha realidade. “Daquela, cando apenas era unha carcasa de ladrillos, falabamos do que este centro podía significar para ASPANAES e para moitas familias. Hoxe vemos un espazo preparado para ofrecer unha atención especializada, moderna e adaptada ás necesidades das persoas con autismo”, afirmou.

O presidente destacou que a Deputación tivo claro desde o principio que quería formar parte deste proxecto, que permitirá ofrecer atención a máis de 300 persoas e ás súas familias. “O que se plasma aquí é a gasolina para estar en política. Lograr os recursos e poñelos a dispor de quen fai un labor tan esencial socialmente é o que che motiva para seguir nunha tarefa como a política. Creo que se pode cambiar o mundo sumando moitas accións deste tipo”, afirmou.

Pola súa banda, o presidente de Aspanaes, Ignacio Labella, agradeceu o apoio da Deputación para facer realidade un proxecto “que nos permite aumentar las plazas de atención temprana y estrategias psicoeducativas, con una lista de espera muy grande debido al local que teníamos antes. Gracias a esto ya estamos dando servicio a 20 personas más, que suman hasta 308 familiares. Al final, lo que buscamos es ayudar a los chicos con TEA a que tengan más oportunidades y puedan desarrollarse en un futuro”, apuntou. 

O novo centro contará cun equipo interdisciplinar con profesionais das áreas de psicoloxía, psicopedagoxía, logopedia, terapia ocupacional e educación social. Entre os servizos que se desenvolverán nas instalacións figuran a atención temperá para nenos e nenas de cero a seis anos, o deseño de estratexias psicoeducativas para menores de entre 7 e 16 anos e os programas de desenvolvemento de habilidades persoais e sociais.

Formoso puxo tamén en valor a traxectoria de ASPANAES, que desde 1979 desenvolve un labor de atención ás persoas con autismo e de acompañamento ás súas familias. “Son máis de 45 anos abrindo camiño e defendendo os dereitos das persoas con autismo. Esa experiencia ten un enorme valor para a sociedade galega e as administracións temos a responsabilidade de apoiar e dar estabilidade a entidades que están cada día sobre o terreo”, afirmou.

O presidente incidiu neste sentido na aposta da Deputación por manter unha colaboración estable co tecido social da provincia. ASPANAES é unha das 273 entidades sociais que contan co apoio económico da institución provincial, que financia programas, servizos e investimentos destinados a mellorar a calidade de vida e a autonomía das persoas.

A Deputación vén colaborando nos últimos anos con ASPANAES no financiamento de programas e terapias destinadas ao fomento da autonomía persoal das persoas con autismo, así como na mellora e equipamento das instalacións da entidade en distintos puntos da provincia.

Na inauguración participaron tamén outros membros do equipo directivo de ASPANAES, entre eles a secretaria e tesoureira, Ivonne Pose Gabín; o vogal de Servizos de Atención Residencial, Jesús Balseiro Bello, e o vogal de Servizos Educativos, Manuel Ramón Lema Pombo, xunto con profesionais, familias e persoas usuarias da entidade.

Formoso felicitou a toda a familia de ASPANAES: á súa directiva, aos profesionais e especialmente ás familias que durante tantos anos impulsaron esta entidade e reclamaron os recursos que necesitaban os seus fillos e fillas.

Comparte éste artículo
No hay comentarios