O BNG insta ás administracións a poñerse de acordo para mellorar o parque infantil do CEIP de Camelle

Ante a solicitude dos nacionalistas e logo das preguntas do deputado Oscar Insua, o Secretario Xeral Técnico da Consellería de Educación afirma que no vindeiro curso escolar haberá reforzo docente no centro, que ata agora carecía de profesorado de música.

O BNG, a través do deputado Oscar Insua, instou á Xunta de Galiza e ao Concello de Camariñas a poñerse de acordo para mellorar o parque infantil do CEIP de Camelle, que carece dunha cuberta e os días de choiva as crianzas non poden xogar no mesmo no tempo libre, non tendo máis remedio que quedarse no centro escolar, onde dispoñen dunha habitación de tan só vinte metros cadrados como patio de colexio para desfrutar do recreo.

Insua interpelou no Parlamento galego este mércores 15 de xullo ao Secretario Xeral Técnico da Consellería de Educación, Manuel Vila López, e lembroulle que se trata dunha demanda solicitada pola ANPA da escola que foi recollida polo BNG con diversas iniciativas parlamentarias.

Ademais, o parlamentario nacionalista indicou que para acceder ao parque infantil hai que cruzar unha estrada municipal, o que pon en risco a seguridade do alumnado cada vez que acoden ao mesmo, porque esa vía está en mal estado, igual que o paso de peóns.  

Ante un posible conflito de competencias sobre o parque infantil, Oscar Insua indicou que “a cuestión competencialnon están tan clara, mais o que si é competencia da Xunta é que teñen a responsabilidade sobre a onde se leva ao alumnado, e debe tomar medidas para que os nenos e nenaspoidan ir en condicións de seguridade ao parque infantil”. Así mesmo, o deputado do BNG subliñou que “instalar unha cuberta non ten que ver coa conservación e mantemento,porque é un investimento; non se pode conservar o que non existe”. 

O Secretario Xeral Técnico de Educación, ante as preguntas de Oscar Insua, afirmou que no vindeiro curso escolar haberá reforzo docente no CEIP de Camelle, que ata agora carecía de profesorado de música. O parlamentario nacionalista recoñeceu como “unha boa nova” que a Xunta reforce a docencia no centro escolar, que no vindeiro curso pasará a contar con 18 alumnos e alumnas, un máis dos que tiña no exercicio anterior.

Insua tamén incidiu no mal estado no que se atopa o recinto onde xogan as crianzas, que presenta danos e deficiencias en diversos elementos de xogo, o que pode supor un perigo para os escolares.

Comparte éste artículo
No hay comentarios