A Deputación da Coruña inviste 24.000 euros na renovación do local da Asociación de Empresarios da Pobra do Caramiñal

O acordo, enmarcado no Plan de Emprego Local (PEL), financiará a modernización das instalacións nun espazo polivalente dirixido á formación e asesoramento a empresas, comerciantes e autónomos.

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, e o presidente da Asociación de Empresarios, Comerciantes e Traballadores Autónomos da Pobra do Caramiñal, José Antonio Vidal Romero, asinaron esta mañá na sede da institución provincial un convenio de colaboración destinado a apoiar a dinamización económica e a mellora de servizos para o tecido comercial e empresarial do municipio. Mediante este acordo, ambas entidades suman esforzos para acometer o proxecto de mellora e renovación do equipamento do local da asociación empresarial, un espazo que require dunha renovación urxente debido ao desgaste do seu mobiliario e a carencias de índole tecnolóxica e estrutural.

O investimento total previsto para a execución deste proxecto ascende a un máximo de 30.000 euros, un orzamento co que se pretende adecuar de forma integral a sede social da agrupación para convertela nun centro polivalente. Para facelo posible, a Deputación asume unha achega máxima de 24.000 euros, o que supón o 80% do financiamento global do proxecto a través dunha subvención nominativa consignada no Plan de Emprego Local (PEL). A Asociación de Empresarios da Pobra do Caramiñal achegará pola súa banda o 20% restante, equivalente a 6.000 euros.

O acordo chega despois da visita realizada hai uns meses polo presidente provincial, xunto co alcalde da Pobra, José Carlos Vidal, á sede da asociación empresarial na que Formoso se comprometeu coa directiva a que a Deputación colaboraría nas melloras necesarias para adaptar o local ás necesidades actuais da entidade

O groso da partida, valorado en 15.000 euros, destinarase á obra da sala de reunións do local, que comprende a retirada das actuais butacas ancoradas, a adaptación de espazos para usos múltiples, traballos de pintura e a posta a punto dunha instalación eléctrica adaptada. Esta adecuación completarase co pintado xeral de todas as zonas comúns e a substitución das vellas butacas por corenta novas cadeiras móbiles con pala de escritura, co fin de garantir a máxima flexibilidade e accesibilidade nas actividades formativas.

Doutra banda, o local dotarase dunha infraestrutura informática moderna mediante a adquisición de tres ordenadores de sobremesa completos, un equipo de proxección de alta definición con pantalla retráctil para a impartición de seminarios ou relatorios colectivos, novos postos de traballo equipados con mesas e arquivadores para a xestión documental segura e unha fotocopiadora multifunción.

O presidente da Deputación destacou que este convenio “permitirá modernizar as instalacións da asociación e convertelas nun espazo máis útil para a formación, o asesoramento e o desenvolvemento de novas iniciativas empresariais”. Valentín González Formoso salientou tamén “o importante papel que desempeñan as asociacións empresariais na dinamización económica dos municipios e no apoio diario ao comercio local, ás pequenas empresas e aos autónomos”.

Formoso enmarcou esta actuación no compromiso da Deputación co tecido produtivo da provincia a través do Plan de Emprego Local. “O PEL é unha ferramenta consolidada que nos permite apoiar directamente a creación de emprego, o emprendemento e a mellora da competitividade das empresas. Neste caso, contribuímos a que os empresarios e comerciantes da Pobra conten cunhas instalacións modernas e adaptadas ás súas necesidades”, afirmou.

Comparte éste artículo
No hay comentarios