O venres 17 de xullo, o grupo ofrecerá un pequeno acto de presentación do seu primeiro álbum, combinando música en directo e unha conversa arredor do proceso creativo e do significado de CONTRABANDO.
Tras a publicación do seu primeiro álbum, CONTRABANDO, Do Rivés celebrará un encontro especial co público o vindeiro venres 17 de xullo en A Ratona, en Barizo (Malpica), nun formato íntimo pensado para achegar o proxecto dende unha perspectiva próxima e persoal.
O acto estará conducido por Noelia , concelleira de Cultura do Concello de Malpica, e combinará a interpretación en directo dalgúns dos temas do disco cunha conversa na que as integrantes compartirán o significado de CONTRABANDO, a orixe do proxecto e como viviron todo o proceso de creación deste primeiro traballo discográfico.
Máis que un concerto ao uso, trátase dunha presentación en pequeno formato na que o público poderá coñecer de preto o universo que dá forma ao álbum, un traballo que nace da tradición oral da Costa da Morte e que reivindica a transmisión entre xeracións, a pandeireta e o canto colectivo como parte esencial do patrimonio cultural galego.
Este encontro servirá tamén como antesala dunha intensa programación estival,que comezará en agosto e que levará a Do Rivés por distintos escenarios de Galicia e Euskadi.
Próximos concertos anunciados
- 8 de agosto | Carballeira de Zas
- 21 de agosto | Carballo Verán Cultural
- 11 de setembro | Folk Bleiz (Ermua)