Miguel Fernández e o ministro Jordi Hereu poñen en valor os investimentos europeos en Vilalba.

O deputado provincial Miguel Fernández acompañou este martes ao ministro de Industria e Turismo, Jordi Hereu, durante a súa visita institucional a Vilalba. O obxectivo da xornada foi coñecer sobre o terreo diversas actuacións de modernización, rehabilitación patrimonial e impulso industrial que contaron con financiamento de fondos europeos.

Na xornada tamén participaron a alcaldesa da localidade, Marta Rouco, o delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, así como outros representantes públicos e responsables do tecido empresarial e turístico do municipio.

Fernández destacou «a importancia clave da colaboración entre administracións para facer realidade proxectos que melloran os servizos públicos, fortalecen o tecido produtivo e aproveitan o enorme potencial turístico e patrimonial da provincia de Lugo». Neste sentido, incidiu en que a provincia «necesita seguir captando fondos que reforcen a súa competitividade».

Eficiencia, industria e patrimonio

A comitiva institucional comezou o percorrido na Casa Consistorial de Vilalba para comprobar o resultado da súa rehabilitación integral. Esta obra, financiada a través do Programa de Impulso á Rehabilitación de Edificios Públicos (PIREP) con fondos Next Generation, permitiu modernizar as instalacións municipais, mellorar a súa eficiencia enerxética e reforzar a accesibilidade.

Posteriormente, as autoridades desprazáronse ata a planta de Entrepinares, onde foron recibidas polo seu director xeral, José Manuel García. Alí coñeceron de primeira man a actividade desta industria agroalimentaria de referencia, que destaca pola súa capacidade para xerar emprego, crear valor engadido á produción láctea e fixar poboación no rural lucense.

A visita concluíu no Parador de Vilalba. Guiados polo seu director, Antonio Graña Vázquez, percorreron a histórica Torre dos Andrade. Este Ben de Interese Cultural (BIC) foi obxecto de recentes actuacións de conservación e posta en valor financiadas con fondos europeos. O deputado provincial subliñou a importancia de protexer o patrimonio como «un recurso estratéxico esencial para dinamizar o turismo e a economía local».

A xornada contou ademais coa presenza do senador por Lugo, César Mogo; a deputada no Congreso, Patricia Otero; e os deputados autonómicos Lara Méndez e José Ramón Gómez Besteiro.

Comparte éste artículo
No hay comentarios