Lugo licitará este verán por 500.000€ un novo campo de fútbol e melloras no de rugby

A alcaldesa de Lugo, Elena Candia, acompañada polo concelleiro de Deportes, Damián Carballo, e pola concelleira María Reigosa, presentou hoxe o inicio dos trámites para a construción dun novo campo de fútbol de herba artificial en San Fiz, unha infraestrutura coa que o Concello quere dar resposta á elevada demanda das entidades deportivas da cidade e reforzar a rede municipal de instalacións deportivas.

O primeiro paso será a licitación da redacción do proxecto técnico, que definirá esta nova infraestrutura deportiva nunha parcela municipal de San Fiz.

A actuación contempla:

•      A construción dun campo de fútbol de herba artificial de última xeración.

•      A dotación dun módulo de vestiarios totalmente equipado, con servizos de saneamento e subministración eléctrica.

•      O peche perimetral da instalación para garantir a seguridade e o correcto uso do recinto.

•      A instalación dun sistema de torres de iluminación que dará servizo tanto ao novo campo de fútbol como ao campo municipal de rugby xa existente.

•      A dotación de vestiarios para o campo de rugby, mellorando a funcionalidade e os servizos desta instalación.

Candia subliñou que este novo campo permitirá seguir fortalecendo o deporte base e ofrecer mellores condicións para centos de rapaces e rapazas.

Damián Carballo: «Os campos municipais soportan unha ocupación practicamente continua»

O concelleiro de Deportes explicou que a necesidade desta actuación queda reflectida na realidade que vive actualmente o deporte base en Lugo.

Na capital lucense desenvolven a súa actividade 14 entidades deportivas e de canteira, que sosteñen 138 equipos en todas as categorías, desde a etapa biberón ata as ligas de veteranos.

Entre elas atópanse o Club Polideportivo Casás, a A.D. Ferroviaria, a S.D.C. Residencia, a Escola de Fútbol Polvorín, a S.C.D. Milagrosa, o Polideportivo Maristas, o C.D. Lugo, a A.D.C. Sagrado Corazón, a S.D.C. San Roque, a S.D. San Lázaro, ADC Piringalla, Gimnástica Lucense, Ceosport Lucense, entre outras, que no seu conxunto reúnen preto de 3.000 licenzas deportivas.

Para dar servizo a toda esta actividade, Lugo conta actualmente con cinco campos municipais de fútbol: os Campos Municipais das Gándaras (José María Rodríguez Lago I e II), o Campo Municipal da Cheda, as instalacións de Frigsa (Luis López Gorgoso) e o Campo Municipal do Polvorín.

Carballo explicou que estas instalacións soportan unha carga de uso moi elevada.

«Cada tarde, de luns a venres, os campos municipais acollen sesións de adestramento que se suceden de maneira ininterrompida. A esta presión súmase a intensa actividade das fins de semana, cando os partidos oficiais se enlazan desde primeira hora do sábado ata o remate da xornada do domingo.»

Segundo indicou, esta situación limita a dispoñibilidade de horarios para adestramentos e competicións.

O concelleiro tamén destacou as melloras que esta intervención suporá para o cambo de rugby que está ao seu carón (se construirán vestiarios modulares, e iluminación)

María Reigosa: Compromiso co deporte base

Pola súa banda, María Reigosa explicou que esta actuación é froito do diálogo mantido polo Goberno municipal coas entidades deportivas da cidade.

Neste sentido, destacou que na xuntanza celebrada o pasado 11 de xuño cos clubs deportivos xa se puxo sobre a mesa a necesidade de crear esta dotación.

«Escoitamos aos clubs e coñecemos de primeira man as dificultades que atopan cada día para organizar adestramentos e competicións. Os gobernos teñen que anticiparse ás necesidades da cidade. Hoxe Lugo ten máis nenos e nenas practicando fútbol, máis clubs e máis equipos ca hai uns anos, pero seguimos practicamente coas mesmas instalacións. A nosa obriga é planificar e dar resposta a esa realidade.»

«Co novo campo de San Fiz damos resposta a unha demanda histórica das entidades deportivas e damos un paso decisivo para desconxestionar a actual rede de instalacións municipais.»

Comparte éste artículo
No hay comentarios