A investigadora Marisol Soengas e o anestesiólogo e profesor do MIT Emery Brown serán nomeados nun acto académico que se celebrará no Paraninfo da UDC.
A Universidade da Coruña celebrará o próximo mércores, día 22 de xullo, a investidura de dous novos doutores honoris causa, Marisol Soengas e EmeryBrown, nun acto que terá lugar no Paraninfo da Reitoría ás 12:00 horas.
A proposta de nomeamento de Marisol Soengas partiu do Departamento de Bioloxía da UDC. Nacida en Agolada, Pontevedra, Marisol Soengas éinvestigadora de referencia internacional na loita contra o melanoma. Tras doutorarse baixo a dirección de Margarita Salas no Centro de Bioloxía Molecular Severo Ochoa e desenvolver unha destacada traxectoria investigadora nos Estados Unidos, regresou a España en 2008 para liderar o Grupo de Melanoma do Centro Nacional de Investigacións Oncolóxicas (CNIO). Os seus traballos contribuíron de maneira decisiva a avanzar no coñecemento dos mecanismos moleculares do melanoma, a identificar novas dianas terapéuticas e a impulsar a medicina translacional, con resultados publicados nas revistas científicas máis prestixiosas e recoñecidos internacionalmente.
Ao longo da súa carreira, Soengas recibiu numerosos premios e distincións polo seu labor científico, emprendedor e divulgador, entre eles o Premio María Josefa Wonenburger Planells, o Premio Carmen y Severo Ochoa de Investigación en Bioloxía Molecular ou o Premio Fernández Latorre. Ademais da súa excelencia investigadora, destaca polo seu compromiso coa transferencia do coñecemento, o apoio ás persoas con cancro, a defensa da investigación biomédica e a promoción do talento novo e da igualdade na ciencia. A concesión deste doutoramento Honoris Causa recoñece unha traxectoria de excelencia científica e unha estreita vinculación coa Universidade da Coruña, á que sempre manifestou o seu agradecemento e coa que mantén unha colaboración activa.
Transformando a comprensión da anestesia
Pola súa banda, ao Departamento de Fisioterapia, Medicina e Ciencias Biomédicas da Universidade da Coruña corresponde a proposta denomeamento de Emery Neal Brown, unha das figuras máis destacadas da ciencia biomédica internacional, en recoñecemento a unha traxectoria excepcional que transformou a comprensión da anestesia, da conciencia e do funcionamento do cerebro humano.

Profesor no Instituto Tecnolóxico de Massachusetts (MIT) e na Facultade de Medicina de Harvard, así como anestesiólogo no Hospital Xeral de Massachusetts, Brown combina nunha mesma carreira a medicina, a neurociencia, a enxeñaría e a estatística. As súas investigacións demostraron que a anestesia xeral induce estados organizados de actividade cerebral, un achado que contribuíu a facer máis segura a práctica anestésica e abriu novas vías para o estudo dos trastornos neurolóxicos e psiquiátricos.
Ao longo da súa carreira, Brown desenvolveu innovadoras ferramentas matemáticas e estatísticas para analizar sistemas biolóxicos complexos, con aplicacións que abranguen desde a neurociencia ata a resonancia magnética funcional ou o estudo dos ritmos biolóxicos. A relevancia das súas contribucións valeulle algúns dos máis altos recoñecementos científicos dos Estados Unidos, como a Medalla Nacional da Ciencia, ademais de ser o primeiro anestesiólogo e o primeiro afroamericano elixido membro das Academias Nacionais de Ciencias, Medicina e Enxeñaría. A Universidade da Coruña recoñece tamén o seu compromiso coa formación de novas xeracións de investigadores e a estreita colaboración mantida coa institución, consolidándoo como unha referencia científica e humana de alcance internacional.
Con estes dous novos nomeamentos, os honoris causa da Universidade da Coruña ascenden a 33.