O Concello de Lugo activará un dispositivo especial de seguridade con motivo da final entre España e Arxentina. O operativo prestará especial atención á zona da Fonte do Rei, lugar onde tradicionalmente se concentran as celebracións deportivas.
Para garantir a seguridade e regular a circulación, a Policía Local reforzará o servizo con sete axentes máis, que se sumarán ás dúas patrullas habituais e a un equipo de Atestados. Estes efectivos encargaranse de controlar os accesos e os cortes de tráfico previstos.
A partir das 23:00 horas quedará cortada ao tráfico a avenida de Ramón Ferreiro á altura de Mariña Española, así como as rúas Cornubia, Eirín e Xosé Castiñeira. Ademais, pecharase a avenida de Madrid á altura da rolda das Mercedes, desviando a circulación pola avenida da República Arxentina e pola rúa Santiago. O Concello recomenda á cidadanía que, unha vez rematado o encontro, se desplace andando ata a Fonte do Rei.
Do mesmo xeito, durante o partido incrementarase a presenza da Policía Local no centro e na contorna da praza de Santa María, onde se instalará a única pantalla xigante da cidade e onde se agarda a asistencia dunhas 2.500 persoas. Neste punto traballarase en colaboración co operativo da Policía Nacional.
O Concello fai un chamamento á responsabilidade e á colaboración cidadá para que a xornada transcorra con total normalidade. Recoméndase seguir sempre as indicacións dos axentes, evitar o acceso ás zonas restrinxidas, prestar atención ás pertenzas persoais nas aglomeracións e, no caso de saír do domicilio, comprobar que as portas e fiestras queden ben pechadas.
Dispositivo de limpeza
Blasfemia, o Concello activará tamén un plan específico de limpeza. Na praza de Santa María colocaranse catro colectores para facilitar a xestión dos residuos e, en canto remate o partido, executarase unha primeira limpeza intensiva da zona. Os traballos completaranse a partir das 06:00 horas coa intervención de dúas varredoras mecánicas e un equipo de baldeo, co obxectivo de que o espazo recupere a normalidade o antes posible.