O PSdeG de Xove reclama ao PP que inspeccione as parcelas que incumpren as franxas de protección contra incendios

O Grupo Municipal Socialista de Xove vén de rexistrar no Concello unha solicitude urxente para reclamar ao Goberno local do Partido Popular a inspección e limpeza das parcelas que incumpren as franxas de protección contra incendios no termo municipal.

Dende o PSdeG explican que varias parcelas do municipio presentan unha importante acumulación de vexetación que, presuntamente, incumpren as obrigas de xestión de biomasa establecidas na normativa galega de prevención e defensa contra os incendios forestais. “Falamos dun grave problema de seguridade que o Concello non pode seguir deixando pasar”, advirten.

As e os socialistas poñen como exemplo catro parcelas situadas na marxe dereita da Rúa Pedride, en dirección ao Palmeiro, así como contornas de instalacións sensibles como depósitos de auga ou casetas de transformadores eléctricos. Segundo sinalan, trátase de espazos nos que a falta de limpeza incrementa o risco en caso de incendio e pon en perigo tanto as persoas como os bens e a propia contorna.

“O Concello ten ferramentas para identificar as parcelas que non cumpren; o que falta é vontade política para actuar con previsión e facer cumprir a lei”, subliñan, ao tempo que lembran que a Lei 3/2007 establece obrigas claras en materia de xestión da biomasa nas franxas de protección.

Na solicitude, o PSdeG reclama que os servizos técnicos municipais inspeccionen as parcelas próximas ás vivendas en todo o termo municipal. Ademais, pide que, no caso de comprobarse o incumprimento da normativa, o Concello comunique formalmente aos propietarios a obriga de proceder á limpeza no prazo legalmente establecido. Así mesmo, solicita que, se os propietarios non atenden o requirimento, o Goberno local adopte as medidas previstas na lexislación vixente, incluída a execución subsidiaria por parte do Concello.

“O noso obxectivo é preservar a seguridade das persoas e da contorna”, salientan, e alertan de que esta situación volve evidenciar a falta de planificación do PP en materia de prevención. “Salgueiro é o máximo responsable na súa calidade de xefe de Protección Civil no Concello de Xove. Non pode limitarse a mirar cara outro lado mentres hai parcelas sen limpar e instalacións especialmente sensibles rodeadas de maleza”, concluíron as e os socialistas.

Etiquetas
Comparte éste artículo
No hay comentarios