O PSOE de Arteixo esixe ao PP que execute o aparcadoiro de Urbis e mova os colectores perigosos de Sinforiano López

O Grupo Municipal Socialista de Arteixo denunciou no último pleno a «política de anuncios a medias» do goberno de Carlos Calvelo en materia de mobilidade e estacionamento urbano. O voceiro socialista, Martín Seco, esixiu ao Goberno local do PP que cumpra de xeito inmediato coa súa palabra e constrúa o aparcadero público prometido na contorna da urbanización de Urbis, na Avenida de Fisterra, ao tempo que emende os graves fallos de seguridade peonil na rúa Sinforiano López.

Os socialistas afean ao alcalde que faga propaganda de grandes plans viarios que logo quedan paralizados, provocando que os vehículos sigan invadindo as beirarrúas e as marxes da Avenida de Fisterra en dirección ao polígono de Sabón.

A iniciativa do PSOE dálle continuidade ás denuncias do mes pasado sobre as deficiencias técnicas do recentemente inaugurado aparcamento da rúa Sinforiano López (como a falta de iluminación ou os lamazais). Nesta ocasión, o grupo socialista pon o foco nun grave problema de seguridade viaria para os peóns: a deficiente localización dos colectores de residuos.

«A actual disposición obriga aos veciños e veciñas a situarse en pleno carril de circulación de vehículos para poder depositar o lixo, poñéndose nun risco evidente de atropelo», advirte Seco. O PSOE esixe reordenar este punto e aproveitar a parte baixa do terreo, cara ao bar Saga, para habilitar un acceso peonil seguro.

«O PP de Arteixo funciona a golpe de titular nas redes sociais, pero desenténdese da realidade en canto apaga a cámara. Prometeron dous aparcamentos e un deles nin o empezaron, mentres o que abriron é un perigo público: obrigan aos veciños a xogarse o tipo entre os coches só para tirar unha bolsa de lixo. Esiximos que o alcalde complete o plan de Urbis e ordene Sinforiano López con criterios de sentido común e seguridade viaria, non con improvisación», declarou o voceiro socialista, Martín Seco.

Etiquetas
Comparte éste artículo
No hay comentarios