Acto público Galiza Nova en Corcubión

Galiza Nova, organización xuvenil do BNG, levou a cabo este domingo 19 de xullo en Corcubión un acto público, enmarcado na celebración  de diversos eventos da VIII Semana da Patria Galega, organizada pola formación que aglutina á mocidade do Bloque.

No acto, desenvolvido na Praza Castelao, falouse das principais problemáticas que afronta a mocidade. Artai Gabiás, secretario xeral de Galiza Nova; Alba Regueiro, da Permanente da formación xuvenil; e Oscar Insua, deputado do BNG no Parlamento galego, tomaron a palabra e abordaron cuestións de suma importancia para a mocidade: problemas de acceso á vivenda; a falta de traballo digno que obriga a emigrar; a precariedade laboral; un transporte público con rutas, frecuencias e horarios inapropiados; ou a carencia de infraestruturas axeitadas, que merma o desenvolvemento da Costa da Morte.

Houbo tamén un chamamento a participar nas actividades programadas na Semana da Patria, así como na manifestación nacional que terá lugar o sábado 25 de xullo, as 12:00 horas, en Santiago de Compostela.

Non faltaron mencións á situación internacional, con guerras imperialistas patrocinadas polos Estados Unidos, e o xenocidio que sufre Palestina de mans do sionismo israelí. Fíxose pé no carácter internacionalista e antiimperialista do BNG, e púxose en valor a importancia e a necesidade de contar cunha ferramenta que xunta á mocidade nacionalista para tentar construír un país mellor, como é Galiza Nova.

Ao acto acudiron representantes do equipo de goberno do BNG de Corcubión, así como cargos da formación nacionalista dos diferentes municipios da Costa da Morte.

Comparte éste artículo
No hay comentarios