O pleno da corporación aprobou unha moción dos nacionalistas ao respecto na sesión plenaria celebrada o 16 de xullo, e na que solicitaron que se dea traslado da situación á Xunta e ao distrito forestal.
O BNG de Muxía instou ao goberno local, a través dunha moción presentada no último pleno da corporación, a realizar de maneira inmediata unha inspección das liñas eléctricas de alta tensión que atravesan o termo municipal, priorizando os tramos próximos a núcleos, vías públicas e masas forestais para identificar os puntos con matogueira ou vexetación seca, árbores ou pólas próximas aos condutores, especies incompatibles, risco de caída ou posible incumprimento das distancias de seguridade, incorporando localización e documentación gráfica.
Así mesmo, na iniciativa presentada, e que foi aprobada pola corporación, os nacionalistas pediron que o Concello remitade inmediato o resultado da inspección ás empresas titulares, distribuidoras ou xestoras responsables, requiríndolles a roza e retirada da biomasa, a poda ou corta das pólas e árbores perigosas, a eliminación das especies non permitidas e a revisión específica das distancias de seguridade nas liñas de alta tensión. As empresas deberán comunicar ao Concello o calendario de execución e acreditar posteriormente os traballos realizados.
O BNG solicitou que se dea traslado da situación á Consellería do Medio Rural, á Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Minas, dependente da Consellería de Economía e Industria, á Dirección Xeral de Defensa do Monte e ao distrito forestal correspondente, solicitando a inspección urxente, a identificación das entidades responsables, os requirimentos e expedientes que procedan e, en caso de incumprimento ou risco grave, a adopción de medidas cautelares e a execución subsidiaria dos traballos con repercusión dos custos á entidade obrigada. Solicitarase tamén a revisión das redes primarias e terciarias de faixas de xestión da biomasa existentes no municipio.
A formación nacionalista tamén pediu incorporar ao Plan municipal de prevención e defensa contra os incendios forestais -cando o haxa- un programa anual de inspección das liñas eléctricas e das súas franxas de seguridade, de maneira que as deficiencias poidan ser detectadas e comunicadas coa antelación suficiente, de xeito que estea arranxada a situación antes do 31 de maio de cada ano.
“Xa está superado o prazo no que debían estar executados os traballos preventivos, existen tramos con matogueira, vexetación seca, pólas e árbores próximas aos condutores”, indicou o BNG, que cre que existe un incremento do risco de que unha avaría, un arco eléctrico, a caída dunha árbore ou o contacto da vexetación coa instalación poida iniciar ou propagar un incendio cara aos montes, vivendas e núcleos próximos.
Preguntas ao equipo de goberno
A portavoz do BNG de Muxía, Mercé Barrientos, preguntou ao goberno municipal no pleno polas medidas que ten pensado adoptar para o arranxo das pingueiras que hai no polideportivo, así como dos vestiarios, que se atopan en mal estado. Ademais, a voceira nacionalista interesouse polas rozas que se están facendo cun tractor mecanizado polos laterais das vías, e preguntou se o goberno local está contento co resultado. “A veciñanza non está satisfeita”, lembrou Barrientos, que quixo saber se o Concello vai a modificar o contrato para que o resultado sexa máis satisfactorio.
A portavoz nacionalista rogou que se retiraran os sinais que se atopan en mal estado, tanto nas vías como nos núcleos e nas praias, e que se substitúan por sinalización nova e que sexa lexible. Fixo pé na petición realizada hai xa dous anos dun sinal de prohibido o paso de autobuses en Cebráns, para evitar atascos. E mencionou tamén a necesidade dun sinal de rúa sen saída no lugar dos Muíños, para que as caravanas non causen danos cando teñen que dar marcha atrás.