O Concello de Lugo abre o Auditorio Fuxan Os Ventos ao tecido asociativo con bonificacións e exencións de taxas

A Xunta de Goberno Local aprobou hoxe o texto da ordenanza reguladora dos prezos públicos do Auditorio Fuxan Os Ventos, que será elevado ao Pleno ordinario deste mes para a súa aprobación inicial. Unha vez superado este trámite, abrirase un novo período de exposición pública e volverá ao Pleno para a súa aprobación definitiva.

A alcaldesa de Lugo, Elena Candia, lembrou que durante a consulta pública previa, que rematou o pasado 14 de xullo, non se presentou ningunha alegación, aínda que animou á cidadanía e aos colectivos a realizar achegas que permitan enriquecer e mellorar o documento durante a súa tramitación.

A nova ordenanza regula tanto as condicións de utilización das instalacións como os prezos públicos correspondentes, ofrecendo seguridade xurídica aos organizadores e establecendo un procedemento obxectivo para autorizar os distintos usos.

No seu artigo 5, a ordenanza establece un réxime de exencións e bonificacións. Así, estarán exentas do pagamento as actividades culturais ou de calquera outra índole organizadas ou coorganizadas polo Concello de Lugo, así como aquelas promovidas por entidades ás que se lles conceda un patrocinio municipal.

Segundo explicou a rexedora, esta medida permitirá que o tecido asociativo, cultural, social e deportivo da cidade poida beneficiarse destas exencións para desenvolver a súa actividade no auditorio.

Ademais, o propio artigo contempla un apartado de bonificacións que permitirá á Xunta de Goberno Local ou, por razóns de urxencia, á Alcaldía, acordar a redución ou a condonación total das tarifas para actividades de carácter social, cultural, benéfico ou formativo.

A ordenanza tamén establece diferentes tarifas para entidades privadas que vexan no Auditorio Fuxan Os Ventos un espazo axeitado para a organización dos seus eventos, configurando un abano de posibilidades que permita adaptar o alugueiro ás distintas actividades. (adxúntase cadro)

Candia lembrou que a aprobación desta normativa permitirá corrixir unha situación que en informes do propio servizo de cultura cualifican de «irregular».

A alcaldesa incidiu en que esta ordenanza dota ao Auditorio Fuxan Os Ventos dun marco regulador claro tanto para o uso das instalacións como para a fixación dos prezos públicos, garantindo a igualdade de trato entre os distintos usuarios e a seguridade xurídica na súa utilización.

A Xunta de Goberno Local tamén aprobou os pregos de cláusulas administrativas e de prescricións técnicas, o gasto e a apertura do procedemento de adxudicación para a contratación, mediante dous lotes, da subministración da iluminación ornamental das festas de San Froilán e do Nadal.

O lote 1, cun orzamento de 57.189,85 euros, corresponde á iluminación ornamental das festas de San Froilán. O contrato establece que deberá permanecer instalada entre o 4 e o 13 de outubro, cun horario de funcionamento de 20.00 a 02.00 horas, o que supón seis horas diarias de iluminación.

O lote 2, cun orzamento de 265.256,88 euros, comprende a iluminación ornamental do Nadal. A instalación deberá estar lista para a súa inauguración na tarde do venres 4 de decembro e permanecer en funcionamento ata o mércores 6 de xaneiro ás 23.59 horas. O horario previsto será de 18.00 a 00.30 horas, ampliándose os venres, sábados e domingos ata as 02.00 horas.

Entre os criterios de valoración teranse en conta a complexidade da proposta, atendendo á variedade e orixinalidade dos elementos, a adecuación das dimensións da iluminación aos espazos nos que se instale, así como a incorporación de elementos innovadores e deseños propios das festas.

Urbanismo

A Xunta de Goberno Local concedeu licenza urbanística para a construción dun edificio destinado a 18 apartamentos turísticos dunha chave na rúa San Roque, número 88, previa demolición da edificación existente. O inmoble contará con doce estudos distribuídos entre as plantas primeira, segunda e terceira, mentres que os seis restantes, situados nas plantas cuarta, quinta e baixo cuberta, disporán de estancias diferenciadas por usos. O proxecto complétase con 18 prazas de aparcamento e supón un investimento de 1.680.057 euros.

Así mesmo, aprobouse a contratación dos servizos de xestión, atención ao público, coordinación e desenvolvemento de actividades socioeducativas nas Casas das Linguas da Estrada da Granxa e no Centro de Convivencia María Balteira. O contrato parte dun orzamento base de licitación anual de 154.801,29 euros e inclúe a execución de 800 horas de actividades.

No ámbito do rural, deuse luz verde ao proxecto e ao prego de cláusulas administrativas para contratar as obras de pavimentación e mellora dos viarios da contorna da estrada nacional N-640, en Santa María de Muxa, así como do camiño que comunica a igrexa con varias vivendas da parroquia. A actuación conta cun investimento previsto de 156.008 euros.

Asemesmo se aprobou a delegación da firma das contratacións do PAI Novo Norte na alcaldía co que se gañará axilidade na execución das obras. De feito a alcaldesa avanzou que a primeira que se licitará será a da contratación dun parking en superficie no actual parque de enerxías alternativas que está desmantelado no CEAO.

Comparte éste artículo
No hay comentarios