A 3ª edición do Maratón de Galeguidades dará a volta ao mundo coa diáspora galega o próximo 24 de xullo

O telemaratón por streaming da Deputación da Coruña que produce o IGADI dende 2024 chega á súa terceira edición con novos debates e sorpresas aínda por desvelar. Alba Mancebo e Miguel Canalejos serán os presentadores ao longo das 11 horas de emisión, entre as 9 e as 20 h, en directo pola canle de YouTube e as redes do IGADI.

O telemaratón combinará conexións con centros e asociacións galegas de Europa, América e o Indopacífico, xunto a episodios temáticos. A Irmandade Galega de Venezuela, o Centro Galego de Barcelona ou as Asociacións de galegos de Australia e Irlanda xa confirmaron a súa participación en directo.

Xunto a eles, o Maratón incorpora unha serie de episodios de autor coordinados por iniciativas nacidas coa dixitalización e a expansión das redes sociais, espazos que favoreceron novas maneiras de asociacionismo galego na emigración e de conexión cotiá con Galicia. Xustamente cando o debate sobre o Pacto pola Lingua sitúa o foco no galego dos espazos dixitais e na poboación de fóra do país, o Maratón dálle altofalante a esas iniciativas: episodios especiais de Orgullo Galego (a maior comunidade galega en internet), o Festival Emigrason de Bruxelas, o creador de contidos en galego Olaxonmario, a plataforma de podcast Podgalego ou o xornalista de videoxogos e profesor da Universidade de Vigo, Ramón Méndez.

O Maratón de Galeguidades 2026 completarase coas Pausas de Hidratación, nas que, ademais de dar seguimento ao impacto do Maratón nas redes sociais e ao concurso dunha edición especial de 25 libros do IGADI “Ano Castelao: Buenos Aires, Quilómetro cero”, conectarase con influencers e rostros populares que, por medio de entrevistas rápidas, achegarán a súa ollada sobre o impacto da emigración en Galicia e nas súas vidas.

A data escollida, o venres 24 de xullo, na véspera do Día de Galicia, quere dotar de contidos a relación de onte e de hoxe de Galicia coa súa emigración. Faino nun ano no que a relación de Galicia coas súas comunidades no exterior volve ao centro do debate público e cun intenso calendario electoral en América Latina. Non por acaso, o próximo XIV Pleno do Consello de Comunidades Galegas (trienal) celebrarase no Brasil o 11 e 12 de novembro.

Nun curso político de axenda internacional convulsa e cunha Galicia que proxecta cada vez máis a súa mirada cara ao Indo-Pacífico, o IGADI define o Maratón de Galeguidades da Deputación da Coruña como un exercicio de intelixencia colectiva e diplomacia pública para poñer en valor a diáspora galega como ferramenta de proxección internacional de Galicia.

Comparte éste artículo
No hay comentarios